A profesora Chelo, xefa do departamento de Música do IES Losada Diéguez, e directora do Coro dese mesmo Centro, quere facernos chegar unas fermosas palabras de despedida, xa que este foi o seu último ano na Estrada.
Como sabedes, este curso aceptara a proposta que desde o Equipo da Biblioteca lle trasladaramos: a de formar un coro conxunto, con alumnos e alumnas dos dous centros, e mesmo con profesorado. Foron moitos os martes a mediodía que quedamos para os ensaios e, por desgraza, non se puideron levar a cabo toda unha serie de concertos que estaban programados, entre os que, para nós, destacaba a actuación na nosa Revista Viva.
Eu, Beatriz Quintela, como coordinadora da Biblioteca, trasladeille o agradecemento do IES Nº1 pola súa xenerosidade, xa que sempre se amosou moi receptiva a todas as nosas propostas, e sen dúbida todos e todas lembraredes a cantidade de veces que o Coro participou en diversas actividades.
Aquí deixamos a súa despedida...
Bo día!
Espero que tanto vós coma as vosas familias vos atopedes ben!
Aínda que foi pouco o tempo que compartimos, quería despedirme (xa que para o ano estarei noutro centro máis cerca da miña casa) e agradecervos a vosa colaboración, participación, entusiasmo e motivación en todos e cada un dos ensaios, conseguindo unha intensa conexión no grupo e creando unhas harmonías ben fermosas.
Continuade coa Música nas vosas vidas e facede sempre aquelo que estea acorde co que pensades e sentides no corazón.
Foi un pracer coñecervos e compartir con vós esta experiencia musical e humana.
Deséxovos o mellor para o futuro!
Un abrazo
Chelo
P.D.: Enumérovos os concertos que quedaron pendentes: 2 de abril en Coruña, 16 de abril no centro, 23 de abril en Ourense, 23 de maio no Auditorio de Lalín, 26 de maio no Teatro Principal da Estrada e 19 xuño en Ortigueira.