17-18 Día de Castelao

18 02 02 dia de castelao  (10)

 

 

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950). 

Xaneiro é o mes en que naceu e morreu este ilustre persoeiro da cultura galega.  Neste contexto, e coa intención de difundir a obra e a figura deste artista polifacético, e  dar a coñecer a súa relación coa Estrada, as Bibliotecas dos tres  IES programamos unha actividade que se desenvolveu o venres, 2 de febreiro, na Academia de seguridade.

Na primeira parte do acto, alumnado dos tres IES foron lendo textos ensaísticos do autor e escenificando adaptacións dos seus relatos; foron interpretando a súa obra gráfica e, así, en definitiva, todos e todas afondamos  na súa complexa figura.

Con esta actividade quixemos tamén poñer en valor a nosa lingua. As bibliotecas escolares son  axentes involucrados na normalización do noso idioma, axentes de compensación de desigualdades, e hoxe quixemos evidenciar que a nosa lingua, o galego, é unha lingua útil, apta para calquera contexto, e desde aquí loitamos por fuxir do estreito corsé que quere limitar o noso idioma a certos usos. A lingua é de todos e de todas nós, pero son os poderes públicos os que, por lei, teñen que tomar medidas para garantir os dereitos das linguas.

Quixemos tamén enxalzar a nosa literatura e o noso patrimonio oral, dous aspectos básicos da nosa cultura. De aí que comezásemos conmemorando a quen foi axente fundamental nese papel de normalización do noso idioma, a quen encheu de beleza e gravidade as verbas da nosa lingua, contribuíndo a engrandecer a nosa cultura. Porque Castelao, en calquera das súas facetas, ben como escritor, como caricaturista, como pintor ou como político, descubriu o cerne da verdade das nosas xentes, fronte aos mentireiros acentos da rúa ou dos despachos (palabras de Otero).

 

E, xa na segunda parte do acto, todos e todas gozamos escoitando a quen garda, como nun cesto de cereixas, as verbas e historias herdadas dos antergos, a quen vai espallando, alá por onde for, a sabedoría popular máis antiga, a…CELSO SANMARTÍN.