Encontro cos heroes descoñecidos da Revolução dos Cravos

En ocasións, os acontecementos máis pequenos, as accións individuais e as xentes humildes e case esquecidas escriben as páxinas máis grandes da Historia. E iso aconteceu nun abril de 1974 en Portugal. No 50º aniversario da Revolução dos Cravos temos a sorte de contar coa xornalista estradense Tereixa Constenla no noso centro para conversar co alumnado en torno aos "heorísmos descoñecidos" que fixeron posible o acontecemento máis marcante do devir do pobo portugués e que protagonizan a súa obra Abril é un país (Kalandraka, 2024).

A xornalista Tereixa Constenla Fontenla é na actualidade a correspondente en Lisboa do xornal El País, foi xefa da sección de Cultura do mesmo diario e redactora do suplemento cultural Babelia. Antes de se dedicar ao xornalismo cultural, traballou como reporteira de temas sociais en Andalucía para diversos medios. Algúns dos seus artigos recibiron galardóns como o Premio Unicaja de Artículos Periodísticos (2013). En 2021 publicou Cuaderno de urgencias, un libro autobiográfico que é a un tempo carta de amor e de duelo, unha celebración da vida.

En Abril é un país, a autora combina a investigación documental e a entrevista a moitos dos protagonistas da Revolução dos Cravos, rescatando momentos épicos acontecidos naquela mañá do 25 de abril de 1974 no que o pobo saíu á rúa para abrir paso á democracia e ás liberdades.

O encontro, organizado polos Departamentos de Xeografía eHistoria e Lingua Galega, terá lugar na Biblioteca ás 10:45 e a ela asistirá o alumnado de 4º ESO e de Lingua Portuguesa.