A biblioteca deu a benvida ao novo alumnado

O alumnado de 1º ESO achegouse este pasado luns ata a Biblioteca para coñecela, saber como funciona e os recursos aos que teñen acceso neste espazo sobre o que xira boa parte das actividades complementarias e extraescolares do noso centro. 

Da man das profesoras Ana Mella e Beatriz Quintela, os rapaces e as rapazas recén chegados ao instituto coñeceron como se catalogan e ordenan os libros, o servizo de préstamo e outro tipo de materiais que teñen á súa disposición, como os xogos de mesa, as publicacións periódicas ou os taboleiros de xadrez, que ocupan a non poucos xogadores e xogadoras nos recreos. Nesta xornada de acollemento participaron, ademais, o profesorado do equipo da biblioteca e as titorías, que colaboran activamente na formación de usuarios.

Como vén sendo tradición, non faltou un chocolate ben quentiño e mais rosca para adozar esta benvida.