Anacos Educativos, IX Premio IES-G polo apoio e promoción da lingua galega no comercio e na empresa estradenses

23-24 Premio IES-G Anacos

O IX Premio IES-G que entrega o IES Nº1 da Estrada recaeu en Anacos Educativos, empresa especializada no ámbito socioeducativo e da dinamización cultural que ten o galego como lingua habitual nos servizos que ofrece para os máis diversos axentes sociais e á poboación en xeral: cursos e obradoiros formativos, monitoraxe e escola de tempo libre, programas de conciliación e todo tipo de proxectos socioculturais e educativos.

En concreto, o xurado, formado polo alumnado de 3º e 4º ESO, apreciou a utilización do galego como lingua de traballo cotiá e como ferramenta de comunicación nos máis variados soportes, dende a cartelaría e a publicidade externas ata a páxina web e as redes sociais pasando polas campañas conmemorativas (8M, Entroido da Ulla, Letras Galegas, Orgullo LGTBI, etc.), nas que os seus deseños, videocreacións e escaparates acadan un alto nivel creativo.

Precisamente, o xurado destacou que Anacos Educativos fai da lingua galega un dos seus sinais de identidade que nutre, e ao mesmo tempo enriquece, os valores da inclusión, a igualdade e a perspectiva de xénero, o respecto á diversidade e o compromiso coa realidade sociocomunitaria e cultural da Estrada e galega que rexen a súa filosofía de traballo.

Parafraseando o seu lema, no que se refire ao idioma, Anacos Educativos fai posible o que "debería de ser": converter o galego nunha ferramenta viva, de interacción creativa e lúdica, que transmite e actualiza o noso patrimonio inmaterial e a nosa identidade cultural e lingüística.

O galardón, xa comunicado a Chío, Andrea, Fátima e Estela polas alumnas Noa Cabaleiro e Lía Expósito, será entregado na VIII edición da “Revista Viva. Nós de Nós”, unha gala na que o teatro, a música e a literatura servirán de fíos condutores para repasar a actividade escolar do curso o vindeiro 18 de martes ás 17h no Teatro Principal.

En anteriores edicións, o Premio IES-G recoñeceu o labor normalizador da Pastelería Mimela, Libraría A Marxe, Treixa, Copiestrada, Calzados A Esquina, Taberna A Navegación, Nobelo a Nobelo e Tapería O Camiño.

A nova nos medios:

Anacos Educativos leva o Premio IES-G polo seu apoio e promoción da lingua galega (Faro de Vigo)

A gala, a entrega do premio IES-G e a visita de Xurxo Souto en A Galería (Radio Estrada).

AdxuntoTamaño
Acta_IX_Premio_IES-G_2024_Anacos_Educativos.pdf69.96 KB
Nota_prensa_IX_Premio_IESG_IES_N1_AEstrada.pdf111.33 KB
Diploma_Premio_IES-G_2024_cadrado.pdf1.79 MB
Enquisa_IES_G.pdf79.75 KB