3... 2... 1... Rodando! E alí estaban todos e todas: camarógraf@s, sonidistas, iluministas, dirección, axudantes de dirección, xornalistas, críticas literarias, script, entrevistadores/as, a equipa do atrezzo, os/as responsables de guión, de localización... Mozos e mozas de todos os cursos baixo a coordinación de Lucas Terceiro e Paula Cereixo na parte técnica e da profesora Mónica Mato, responsable do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizando a aterraxe deste set de rodaxe dende hai semanas en colaboración coas profesoras Rosario, Anxos e Beatriz, que foron preparando, xunto co alumnado, os contidos deste novo Noticieiro de Dinamiza TV gravado este pasado martes 23 de abril.
Houbo nervios, moita ilusión, tamén paciencia, risos, curiosidade, consellos... mais nervios... máis risos, e a gravación foi saíndo adiante nunha xornada ben diferente e moi formativa. A aprender, apréndese facendo. Moitas grazas e noraboa a toda a equipa participante!
Aínda haberá que agardar unhas semanas para ver o resultado, unha nova emisión do Dinamiza TV, a serie de noticieiros nacidos da colaboración do Concello da Estrada e Dinamizaestrada, o colectivo de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello, co obxectivo de fomentar o uso do idioma no audiovisual e na mocidade.
Nas seguintes ligazóns podedes ver os traballos de 2023 e 2022.