O proxecto "O espello de Claude" regresou ao noso centro da man do fotógrafo e psicólogo Fuco Reyes e grazas ao patrocinio de //Afundación. Obra Social ABANCA. Nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º ESO da materia de Educación Plástica traballou neste laboratorio de fotografía e identidade para adolescentes que procura ver a través do obxectivo da cámara diferentes aspectos clave desta etapa de transición como a construción da identidade, a autoimaxe, a autoestima, a xestión das emocións e a motivación.
O proxecto articúlase en dúas partes, as sesións de traballo co grupo na que se expoñen os diferentes temas e se visualizan imaxes propias e de autores e autoras recoñecidas; e o desenvolvemento dun pequeno proxecto artístico que permita plasmar como sente e pensa a adolescencia en relación a temas que lle son importantes.
O proxecto mereceu o XVII Premio Luis Ksado de Fotografía 2023 que convoca a Deputación da Coruña e unha boa mostra do traballo desenvolvido nos centros escolares formou parte dunha exposición organizada no Museo do Pobo Galego no verán pasado. A colección de traballos desenvolvidos no Curso 22-23 pode verse neste álbum (cobertura en La Voz de Galicia e no Faro de Vigo).
Noraboa ao alumnado implicado na actividade polos resultados acadados e ao Departamento de Educación Plástica e Fuco Reyes por facelo posible e guialos neste proceso de descuberta e aprendizaxe.