O noso centro estivo presente na emisión nº 406 (31-01-2024) do programa radiofónico do Proxecto Neo, unha iniciativa educativa nacida hai 12 anos no seo do Modelo Burela como proxecto de innovación educativa do IES Perdouro. Este programa de diálogo intercultural está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde e pódese escoitar en calquera lugar do mundo a través da radio á carta ou das emisoras Radio Foz e Radio Valadouro na Mariña, Cuac FM na Coruña, Radio Filispín en Ferrol, A Xente de Teo en Compostela e Radio Piratona en Vigo
Na emisión de onte, o profesor Román Cerqueiro Landín fixo a crónica da campaña Aquí tamén se fala na Estrada mentres que o alumno Brais Tato Mejuto (4º ESO) deu a coñecer a súa terra a toda a xente da Mariña: Vea, Couso, Pontevea, a Praíña... E aínda falou sobre o seu equipo de fútbol, os estudos e os proxectos nos que estivo e está involucrado no centro: Dígocho Eu, Perdidos e Achados, Na Estrada para O Porto, Radio Estrada... Podedes escoitalos, respectivamente, nos minutos 12 e 48, mais paga moito a pena escoitar a emisión completa e todas as anteriores. Grazas por convidarnos, amigos e amigas do Proxecto Neo. Foi un pracer!
O Modelo Burela, coordinado polo profesor Bernardo Penabade, é un proxecto multipremiado e recoñecido que ten entre os seus obxectivos prinicipais a integración real de colectivos que precisan apoio, coma os nenos con dificultades académicas ou problemas de conduta, con especial atención aos migrantes caboverdianos, un colectivo que forma parte activa da localidade burelá. A lingua galega é unha ferramenta fundamental nese traballo integrador e o programa radiofónico fai posible desenvolver unha clase de aprendizaxe de lingua desde una perspectiva práctica e vencellada á realidade na que os estudantes fan unha contribución á sociedade. A mestura de culturas está moi presente neste programa, que ten unha duración de 60 minutos nas súas 36 entregas anuais.