Hoxe luns 3 de xuño, clausuramos o Club de lectura de adultos compartindo impresións sobre o libro de Michiko Aoyama, La biblioteca de los nuevos comienzos.
Esta novela xaponesa da que se venderon máis de 300.000 exemplares e que foi elixida como mellor libro do ano nas listas de Time Magazine e Washington Post, conta cinco historias que se van entrelazando e que guían aos protagonistas ata unha biblioteca onde a bibliotecaria, lles recomendará lecturas que acabarán por cambiar para mellor a vida dos personaxes.
Unha novela que aconsellamos ler e que pon o colofón a unha serie de lecturas e visitas de autores/as que tivemos durante este curso e que de seguro repetiremos para o vindeiro.
O pasado mércores o alumnado de 3º ESO, 1ºBACH B e o de Bioloxía de 4ºESO, realizou da man de Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e profesor emérito da Universidade da Coruña, unha ruta guiada polos Penedos de Pasarela e Traba .
A primeira parada foi a Ferida, canteira contra a que se loitou e que deixou esa cicatriz. Alí Romaní falounos sobre a orixe xeolóxica dos Penedos: como e cando se definiron esas formas. Logo continuamos o percorrido observando unha gran variedade de rocas con formas zoomórficas e antropomórficas: o cantor, a aguia, a balea, a pedra de abalar...
Baixo as explicacións do recoñecido xeólogo todos e todas puidemos gozar da singularidade desta contorna única da Europa Continental; unha paisaxe que foi descrita como un zoolóxico de pedrea do Paleozoico.
O IES Maximino Romero de Lema vén de gañar o premio á mellor curta pola obra “Educando na diversidade” no II Concurso de curtametraxes de Nigrán organizado pola Sociedade Galega de Sexoloxía e o Concello de Nigrán.
Este certame adícase na edición deste ano á “Educación sexual, materia pendente” e entrégase o premio coincidindo coa V Semana da diversidade sexual de Nigrán.
O obra galardoada ten como protagonistas ás alumnas de ciclo medio Nerea Torrado Lema e de bacharelato Marina García Camafreita e amosa, desde a perspectiva de persoeiros históricos como as galegas Marcela e Elisa, Alan Turing e Federico García Lorca, as dificultades que tiveron pola súa condición sexual que truncaron as súas vidas pero tamén avances relevantes na sociedade. Neste traballo utilízase a intelixencia artificial para dar voz ós persoeiros, poñendo en valor a tecnoloxía xa utilizada noutros traballos.
A peza foi premiada polo seu valor educativo e pola posta en valor da tecnoloxía como ferramenta para transmitir valores e fomentar o respecto na diversidade sexual.
O traballo foi coordinado polos docentes Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, que acudiron ó acto de entrega do premio na localidade de Nigrán.
Os dous profesores destacan que, máis alá do valor económico do premio para o Instituto, recoñécese unha forma de transmitir valores a través da IA que como ferramenta educativa ben usada pode ter un impacto moi positivo na sociedade.
Dende o IES Maximino Romero de Lema agradecen a oportunidade de poder visualizar traballos realizados polo alumnado na aula e tamén amosar a gran labor educativa que xurde dende o rural.
Baio-Zas, 31 de maio de 2024
https://drive.google.com/file/d/1j3G8-RioTfJfWtCTsIiycDO_6RKJ7fRG/view?usp=sharing
O 17 de maio, no IES Maximino Romero de Lema, celebramos a festa de graduación de 42 alumnos/as de 2º de Bacharelato. Hadrián Otero e Marina García foron os encargadas de conducir o acto, e Jimena Moreno, Xabi Parga, Martina Blanco e Carla Penedo interviron cuns emotivos discursos cargados de anécdotas e vivenzas.
Unha celebración moi emotiva, festiva e alegre; na que houbo actuacións musicais por parte de María Calvo, Pablo Barreiro, Martín Vázquez e Jimena Moreno; entrega de agasallos; risas; bágoas.....e que rematamos cuns pinchos de confraternidade para pechar esta data tan sinalada para toda a Comunidade Educativa.
Parabéns ao alumnado, ás súas familias, e ao profesorado!
https://www.youtube.com/watch?v=QiVumnWvi54
Gozar do espazo natural e saber observar é esencial para saber que podemos fotografar e de que maneira. Con este obxectivo dende a Biblioteca organizamos o taller de Iniciación á fotografía de natureza impartido polo cormelán Andrés García, mais coñecido por Drew Korme e gañador do certame internacional Milky Way Contest da web 35 Awards grazas a unha imaxe da Vía Láctea sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora.
No percorrido que hai entre o Centro e a Carballeira de Baio, o alumnado de 2ºESO puido potenciar o uso do teléfono móbil para realizar fotos de excelente calidade. Andrés explicou a técnica do macro, a do enfoque próximo, a regra dos 3 terzos e sinalou outras pautas do retrato paisaxístico. Despois da descrición de cada técnica, os rapaces e as rapazas contaban cun breve tempo para poñela en práctica e preguntar dúbidas. Tamén lles comentou que non deberían usar o modo automático do móbil, que deberían traballar en manual, aprendendo a usar a intensidade, a iluminación...
Foi unha actividade de nivel moi básico, que tiña como obxectivo dar a coñecer o mundo da fotografía da natureza e achegar unha base para empezar a descubrilo. Cremos que se cumpriu e que poderán levar á práctica o aprendido, e así sacar partido artístico aos paseos polo campo.
O grupo Alana, conformado por Eloy Vidal, de Corme; Pablo Castro, de Vimianzo, e Antía Vázquez, de Oleiros, puxo o broche final á celebración da XVIII Semana Cultural no noso Centro.
Como as condicións climatolóxicas foron adversas non se puido celebrar o concerto na carballeira. Pero se perdemos en beleza e en espazo non foi así en diversión. Este grupo novel, gañador do premio Xuventude Crea 2023 na categoría de música, interpretou -coa colaboración de Xabier Gómez- cancións do seu primeiro disco “O xeito á cántigha”, recentemente publicado e composto por un repertorio de cancións tradicionais acompañadas de ritmos de base electrónica e pop. O estilo de Alana vén moi marcado pola importante presenza no directo das percusións tradicionais, así como de melodías que invitan en todo momento ao baile. De feito o público, que comezou sentado, axiña se animou e se puxo a bailar e troulear ata o remate do espectáculo musical.
Moitas grazas a Alana pola excelente actuación que serviu de colofón a unha semana chea de variadas actividades que conformaron unha interesantísima paréntese na rutina académica e que nos servirá para afrontar con enerxía o final de curso. Dámoslle o noso apoio e desexámoslle moita sorte na súa prometedora carreira musical
Agradecémoslle ao Concello de Zas a súa colaboración sempre que llo solicitamos e, en especial, pola realización deste concerto.
Hai momentos importantes que nunca se esquecen. Un deles é o viaxe de fin de curso en 4º da ESO. Ese momento no que cerras unha etapa e falo rodeado dos teus amigxs. Neste caso tocou percorrer Barcelona. E vaia que se a percorremos... Visitas a Sagrada Familia, Montjuic, Aquarium, Barrio Gótico, Port Aventura, Tibidabo... Unha viaxe pasada por auga, unha viaxe marcada por unha folga no aeroporto, unha viaxe surrealista... Pero o surrealismo, así como os soños, ben merecen ser disfrutados con moita positividade, algo cansos pero cheos de ledicia. Formamos un gran equipo aínda que esperemos que a próxima vez que voltemos non levemos toda a auga de Galiza á cidade Condal.
Sodes xeniais rapaces!!!
Para manter viva, útil e actualizada unha biblioteca é necesario o expurgo daqueles libros que xa non son útiles por distintos motivos, e así o facemos na nosa. Que facemos con eses libros? Pois nesta ocasión o Equipo da Biblioteca invitou a Mª Elena Caamaño para que impartise o obradoiro Dobrando libros e iniciase o alumnado de 1º BACH na arte de transformar eses libros vellos en fermosas esculturas.
O dobrado de libros é unha técnica que estimula a creatividade creando figuras decorativas con páxinas de libro. Medir, marcar, curtar e dobrar son as accións que resumen o procedemento. A especialista trouxo varias das súas creacións para que puidésemos apreciar as marabillas se poden facer con paciencia e pericia.
Dado que os/as asistentes eran principiantes e o tempo era pouco -dúas sesións-, Mª Elena trouxo preparados os patróns das letras -que conformaban o nome da protagonista das Letras Galegas, Luísa Villalta, e o de IES de Baio- coas medidas marcadas para que lles dese tempo de elaborar unha. Mesa por mesa indicoulles como realizar os seus deseños: páxinas totais do libro, páxinas que debía ocupar o deseño, páxinas extras a dividir entre dous...
Grazas as súas claras explicacións o alumnado e profesorado asistente logrou realizar a letra que lle tocou nunha divertida sesión e dándolle unha nova vida os libros dos que nos desfaciamos.