FacebookSíguenos en YouTube

ATENCIÓN AO PÚBLICO DURANTE O MES DE AGOSTO

O IES Maximino Romero de Lema permanecerá pechado entre os días 1 e 31 de agosto. Para realizar calquera trámite e/ou consulta poden contactar con nós a través do correo: ies.maximino.romero.delema@edu.xunta.gal ou chamando ao teléfono: 881960015.

Moitas grazas.

XUBÍLASE ESTHER AGRA!

Remata este curso e xubílase Esther, unha persoa que leva traballando no IES Maximino de Lema case que trinta anos, e o xoves 27 de xuño, compartimos con ela un xantar para despedila.

Unha persoa moi traballadora, comprometida, xenerosa, fiel….. e que coidou o Centro como a súa propia casa.

Desexámosche a partires de agora o mellor, sorte e felicidade nesta nova etapa que emprendes na túa vida para gozar dunha máis que merecida xubilación, e non te esquezas que o Maximino sempre será a túa casa e nós a túa familia.

Botarémoste moito de menos e sempre estaremos aquí para o que necesites.

Moitas grazas e moita sorte!

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA ENTRE OS MELLORES DE GALICIA NA ABAU

Publicados hoxe os resultados definitivos das notas da convocatoria ordinaria da ABAU 2024, o noso Centro ocupa o posto número 32 no ranking de notas da fase xeral, entre todos os centros públicos de Galicia. 

En concreto, acadamos unha nota media de 7,171 puntos, a máis alta dos institutos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra.

Estamos moi contentos e satifeitos por estes resultados e trasladamos os parabéns a toda a Comunidade Educativa.

O ALUMNADO DE 1º FP BÁSICA GAÑA O 1º PREMIO NO CONCURSO CONSUMÓPOLIS

O Director Xeral do Instituto Galego do Consumo  e da Competencia, Gabriel Alén, xunto con Sol Vázquez, Xerente do mesmo, visitaron hoxe o noso Centro, para entregar ao alumnado de 1ºFPB os diplomas acreditativos de gañar o 1º premio do certame Consumópolis na categoría de 3º e 4º ESO e FP básica cunha cuantía de 1000 euros. 

Gabriel Alén apelou entre os escolares a facer sempre un consumo responsable e sostible coñecendo sempre os dereitos básicos dos consumidores.

O concurso constou de dúas partes: a primeira, unha cidade virtual na que o alumnado tivo que superar 10 probas aprendendo sobre un consumo máis responsable, crítico, consciente e sostible, así como os seus dereitos como potenciais persoas consumidoras; e unha segunda parte, a realización dun traballo en equipo, que consistiu na realización du vídeo no que Los Pozzez, Javier Lema, Álvaro Rivera, Zaira Calo, Joel Fernández e Daniel Rojo, interpretan un rap no que denuncian o derroche da sociedade actual.

Parabén a tod@s  e ao profesor  Gonzalo de Castro-Acuña, coordinador do Plan Proxecta Consumópolis no que se inclúe esta iniciativa e que os animou  a participar.

Un vídeo didáctico á vez que divertido do que vos deixamos aquí o enlace.

ENTREGA DOS PREMIOS INNOVAGAL

Hoxe celebrouse en Santiago o acto de entrega dos premios INNOVAGAL de Innovación Educativa, concedido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nos que o noso Centro gañou o segundo premio, pola nosa traxectoria de compromiso coa innovación educativa.

Este premio é un recoñecemento ao importante labor que se desenvolve neste Centro desde hai moitos anos e en ámbitos moi variados, como a igualdade, a lingua, a literatura, o medio ambiente, a música e as artes escénicas, o consumo responsable, a informática, a ciencia e a tecnoloxía, … recibindo recoñecementos e premios tanto a nivel galego como a nivel nacional.

Neste labor colaborou e participou toda a Comunidade Educativa:  alumnado, profesorado, persoal non docente, familias, ANPA, Concello de Zas e moitas outras entidades, asociacións e persoas que a título individual e de maneira desinteresada estiveron e están implicadas nun proxecto educativo multidisciplinar e enriquecedor que fixo e fai deste Centro un referente e ao que todos e todas estamos orgullosos de pertencer.

Queremos compartir este premio con todos e todas as persoas da Comunidade Educativa actual e pasada, así como coas institucións e persoas alleas a ela, por facer posible e contribuír a este proxecto educativo que agora foi recoñecido, que levamos moitos anos desenvolvendo e que esperamos continúe no futuro.

Para todos e todas, este é o noso premio, este é o voso premio. PARABÉNS!!

MATRÍCULA ESO, BACHARELATO, FP BÁSICA, CICLO MEDIO E CICLO SUPERIOR CURSO 2024-2025

Para evitar aglomeracións, pregamos que se respecte o seguinte calendario en horario de 09:00 a 13:30 horas

• 26 de xuño: 1º ESO2º BACHARELATO, 2º FP BÁSICA E 2º CICLO MEDIO

• 27 de xuño: 2º E 4º ESO

• 28 de xuño: 3º ESO

• 1 de xullo: 1º BACHARELATO

• 24 de xuño ao 4 de xullo ás 13:00 horas: 1º Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes, previa cita. Será o proceso de admisión.

• 24 de xuño ao 4 de xullo ás 13:00 horas: 1º e 2º Ciclo Superior Desenvolvemento de Aplicacións Web. Réxime semipresencial e a distancia, previa cita. Será o proceso de admisión.

• 24 de xuño ao 4 de xullo ás 13:00 horas: FP Básica I.  Será o proceso de admisión.

 

Para facer a matrícula haberá que entregar a seguinte documentación, xunto co formulario, na Administración do Centro:

• Fotocopia do DNI do alumno/a e do pai/nai/titor-a legal

• Fotocopia da tarxeta sanitaria

• 2 fotos tamaño carné

• Xustificante do pago do seguro escolar 1,12€ (alumnado de 1º e 2º ESO e alumnado maior de 28 anos exentos)

• Impreso de autorizacións debidamente cuberto e asinado

 

Non se recollerá ningunha matrícula con documentación incompleta.

 

Achéganse, como documentos anexos, os impresos de matrícula, de transporte e de autorizacións. Poden ser descargados e cubertos.

O IES PRESENTA RETOS PARA MELLORALA VIDA DAS PERSOAS CON PARÁLISE CEREBRAL A TRAVÉS DA SÚA PARTICIPACIÓN EN TALENTOS INCLUSIVOS.

O IES Maximino Romero de Lema participou no programa “Talentos inclusivos” que pretende espertar vocacións STEM entre os xoves e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral. 

O noso IES participou neste curso con dous proxectos: “Pechadura intelixente” coordinado pola profesora Marta Diz que traballou con alumnado de ciclos formativos, e co proxecto “DesexarIA”, coordinado por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo e no que participou alumnado de 4o da ESO. 

Ámbolos dous proxectos pretenden romper barreiras, por un lado a da mobilidade e por outro lado as barreiras comunicativas das persoas con parálise cerebral. 

Talentos inclusivos” tivo o seu acto de peche este venres 13 de xuño no centro Ágora da Coruña onde se puideron ver os dous proxectos funcionando, e tamén os traballos levados a cabo por outros centros de Galicia. 

No caso de “Pechadura intelixente”, o que se buscou foi aportar un mecanismo de apertura-peche de porta mediante pulsador e tecnoloxía Arduino. O alumnado participante expuxo o proxecto ós asistentes, que amosaron un gran interese no mesmo. Incluso foi probado polos propios usuarios de ASPACE con moita curiosidade e todo un éxito final. 

Por outro lado, “Desexaría” é un sistema de selección de pictogramas para Paula, usuaria de ASPACE que ten dificultades de comunicación oral. Unha vez se selecciona o pictograma, reprodúcese un vídeo xerado con IA no que Paula fai a súas peticións: “Preciso axuda”, “Teño fame”, “Necesito beber”, etc. Este proxecto causou moita boa imaxe xa que se pode ver a Paula, que grazas á IA pode falar e transmitir as súas necesidades. 

Para o noso centro foi toda unha honra participar no proxecto porque supuxo poder visualizar o gran traballo que se está a realizar pola comunidade educativa do noso centro. Ademais o alumnado puido comprobar como un pouco do noso tempo ó servizo dunha boa causa pode axudar a resolver problemas cotiás da sociedade a persoas que teñen moitas dificultades na fala e na mobilidade. 

Agradecemos ó CITIC, Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones, e a ASPACE que nos permitisen participar neste programa e coñecer cales son as dificultades das persoas con parálise cerebral. 

https://www.youtube.com/watch?v=cLYWO83z1Z8%0A&feature=youtu.be&themeRefresh=1

2º ESO GOZA CO SURF

O venres, 7 de xuño, o alumnado de 2º ESO levou á practica na praia de Arou en Camariñas o aprendido sobre o deporte do surf nas sesións que tiveron no Centro. 

Empezaron cuns exercicios grupais para quentar e estirar os músculos antes de meterse na auga. Tamén recolleron lixo da praia para analizalo e reflexionar sobre a contaminación dos océanos, concluíndo que é tarefa de todos e todas implicarnos no seu coidado. Finalmente repasaron sobre a area as posturas a manter sobre a táboa e, xa preparados/as, navegaron sobre as ondas seguindo as intrucións dos monitores con maior ou menos éxito, pero, iso si, todos e todas pasárono moi ben. 

Agradecémoslle ao Concello de Zas que fixese posible que o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO puidesen desenvolver esta actividade. O próximo xoves será a quenda de 4ºESO que pechará a actividade de Aprende co surf .

Distribuir contido