FacebookSíguenos en YouTube

O SAMAÍN E O MAGOSTO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

Celebramos o Magosto no IES cunha chea de actividades que se desenvolveron durante toda a semana: un obradoiro de origami, un mural sobre o Samaín, un podcast, unha decoración terrorífica das portas das aulas, mortos vivintes polo centro e, como remate de todo, unhas saborosas castañas asadas para despedir esta semana e coller folgos para o que queda de trimestre.

Esperamos con ansia o magosto e samaín do 2025!!!!

O SAMAÍN !!!

Se queres descubrir todo sobre o Samaín ou Sahaín, unha festa chea de maxia e misterio, que entronca coa herdanza céltica de Galicia, escoita o seguinte podcast feito por Alicia, Laura e Sabela de 3º da ESO.

O IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA RECIBE O PREMIO “XIGANTE ARGALLEIRO” DO PROXECTO ARGALLANDO POR “Miño en xogo”.

Alumnado de 3º e 4º da ESO, Irene e Sofía Fernández Paulos, pais nais e persoal non docente do centro, participaron neste proxecto que combina tradición e modernidade coordinados polo profesorado: Fina Paulos Lareo, Judith Carbajo Vázquez, Xosé Francisco Velo Quintela e Óscar Manuel Rey Calo.

O premio foi convocado por argallando.gal unha iniciativa da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.

Os integrantes do proxecto, acompañados pola Directora do IES Maximino Romero de Lema de Baio, Ana Facal Maroñas, acudimos hoxe venres ó GaiasTech a recoller o premio “Xigante Argalleiro”, que recoñece o proxecto que, con carácter global, destaca sobre os demais polo seu enfoque, nivel de execución e creatividade.

O reto consistiu en construír un xogo co que pretendemos facer un percorrido pola Historia, Xeografía e Patrimonio de Galicia seguindo o leito do río Miño, así coma traballar a igualdade e diversidade entre o alumnado.

O obxectivo principal do xogo é empregar a tecnoloxía para construír un xogo tradicional que fomente a cultura e tradición galegas e a igualdade entre homes e mulleres.

Este proxecto, realizado con material de Polos Creativos contou coa participación dos Departamentos de Historia, Informática e Tecnoloxía do IES, buscando achegar a imaxe de que é posible combinar tradición e modernidade, humanidades e tecnoloxía entre o alumnado.

Queremos agradecer o apoio recibido dende a aula Cemit de Fisterra, a aula de referencia coa que traballamos este proxecto, en especial a Alicia, a súa coordinadora.

Está previsto que o traballo sexa exposto no Concello de Fisterra nas vindeiras datas.

MIÑO EN XOGO. ASÍ O CONSTRUÍMOS

O proceso de construción do proxecto pode ser visto dende o enlace: VER VÍDEO

Gravación na radio e NFC.

O proceso pode verse visualmente en: VER VÍDEO

Todas as preguntas do xogo foron gravadas en Radio Baio, a radio do noso IES. Posteriormente, foron subidas á nube a través da plataforma Soudcloud.

Cada pregunta está encadrada dentro dun bloque de preguntas (Historia, Patrimonio, Xeografía e Igualdade). E cada pregunta será chamada por unha tarxeta NFC incorporada nas táboas de madeira. Estas serán lidas dende un teléfono móbil con esta tecnoloxía. O dado virtual está na nube e cada vez que un xogador tire, debe ler a tarxeta de madeira co dado impreso. A configuración das tarxetas NFC fíxose coa APP Nfc tasks gravando en cada tarxeta a URL da pregunta correspondente.

Teselas. Reciclase de Cds.

O proceso de creación de teselas pode verse visualmente: VER VÍDEO

As fichas utilizadas no xogo son teselas. Estas foron creadas con material reciclado. Utilizamos Cds inservibles para a creación das mesmas. Córtanse os cds en pequenos anacos e con pintura de uñas píntanse e únense de dous en dous. Despois van a un pequeno forno onde se lles dá calor para que adopten as formas características que teñen.

Uso da cortadora láser para facer o taboleiro e as preguntas. O proceso pode verse visualmente en:

VER VÍDEO.

Un dos elementos centrais do proxecto foi o uso da cortadora láser. O centro conta con este recurso de Polos Creativos. Dende o taller de tecnoloxía coa axuda do profesor Velo, puidemos crear o mapa e as tarxetas.

O mecanismo consistiu en deseñar os debuxos en Canva e exportalos mediante o formato SVG. Posteriormente, levamos estas imaxes ó software que xestiona a cortadora láser. Alí preparamos os deseños para que puideran ser impresos en láminas de madeira.

ASÍ SE XOGA A “MIÑO EN XOGO”:

O xogo ten unha dinámica moi sinxela. Partimos do nacemento do Miño, en Serra de Meira (Lugo). A orde de tirada virá dada por aquel xogador que consiga un número máis alto no dado virtual. Estas tiradas son previas ó comezo do xogo.

Tírase para avanzar. Caeremos nunha cadro cunha temática específica indicada na cor da ficha, e recollemos a pregunta do montón de preguntas sen utilizar. Lese a pregunta co móbil e contéstase á pregunta polo xogador coa tirada actual. Se acerta, poderá avanzar. No caso de que falle terá que volver ó punto anterior da tirada.

Gaña o xogador que chegue antes á meta, na desembocadura do río miño, e A Garda.

O MAXIMINO ROMERO DE LEMA GAÑADOR NOS PREMIOS O MEU LIBRO FAVORITO 2024 GALICIA

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas e, consideramos que era a data idónea para entregar os premios ao gañador e ás gañadoras do noso Centro do concurso O meu libro favorito 2024 Galicia convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación e Universidades da Xunta de Galicia e a Fundación José Manuel Lara froito do convenio que manteñen ambas as institucións. 

 

Este certame, destinado ao alumnado de secundaria, ten como obxectivo fomentar a lectura entre a mocidade a través da escritura dunha pequena reflexión na que comentan cal é ou foi o seu libro preferido e ten dúas categorías: unha en lingua galega e outra en lingua castelán. Presentaba como novidade nesta edición a modalidade de podcast, tanto en castelán como en galego, e foi xusto nesta na que destacou o noso alumnado: conseguiron compartir de xeito emocionante e creativo as ideas que lle suxería o libro escollido.

 

En lingua castelá Henri Chie Sa Amorim de 2º ESO acadou o premio co podcast “Padre rico, padre pobre e na modalidade en galego, lográrono as alumnas Paula Lema Paz, Leticia Vázquez Castiñeira e Sabela Lema Caamaño de 3º ESO polo seu traballo conxunto sobre “A historia de Sara”Ambos os traballos foron guiados por Adriana Varela Vázquez, profesora que formou parte do Equipo da Biblioteca no pasado curso. 

 

No mes de xuño foi cando o xurado deu a coñecer os premiados e, a principios deste curso enviáronos ao centro os premios acadados  que hoxe entregamos e demos a coñecer. O alumno e as alumnas recibiron cadanseu dispositivo electrónico de audio e son. Á profesora, polo seu labor de incentivar a actividade, unha tarxeta regalo da Casa do Libro (valorada en 50 euros) e para o centro educativo recibimos un lote de libros, dotación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. 

 

O fomento da lectura é o obxectivo esencial de calquera biblioteca e a nosa non é unha excepción. Unha tarefa que vai máis alá da habilidade de saber ler e que pretende un mellor achegamento ao mundo do libro e á formación de lectores. Por iso dende a Biblioteca Escolar seguiremos a animar na participación en vindeiras edicións.

USO SEGURO E RESPONSABLE DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Na tarde de onte Adrián López Agra impartiu a charla Tecnoloxías con sentidiño: Unha guía para Educar en Contornos Dixitais dirixida a pais, nais e docentes sobre o uso correcto das novas tecnoloxías nos e nas adolescentes. 

 

Na primeira parte do relatorio o Educador Social centrouse nos problemas que poden xurdir no uso incorrecto das redes: impacto na saúde física (problemas posturais, alteracións do sono...) e mental (ansiedade, baixa autoestima...); falounos da construción da identidade dixital, do impacto dos influencers, da comparación social a partir de realidades virtuais falsas; presentounos algunhas das situacións máis comúns como a adicción a videoxogos, o sexting ou o ciberacoso e sinalou pautas sobre como abordalas.

 

Na segunda parte, ofreceunos unha serie de consellos para axudar a educar  no uso da tecnoloxía: establecer normas e horarios de uso (2 horas como máximo); supervisar a súa actividade mirando o historial, fomentar o pensamento crítico e a responsabilidade dixital, bloquear contidos, control de compras e descargas, informarnos das distintas aplicacións, compaxinar o uso das redes con outras actividades fóra dela, navegar xuntos, facerlles entender a importancia da privacidade... Subliñou que hai que crear espazos tranquilos de comunicación, sen prohibir o uso da Rede, pero si falando dos seus riscos e, sempre predicar co exemplo.

 

As redes sociais son unha poderosa ferramenta que require unha correcta orientación sobre o seu uso. Requiren dunha actualización constante pola nosa banda para que a rapazada aprenda a usalas para evitar riscos: O problema non é a tecnoloxía senón como se consume.

O ESCAPE ROOM FINANCEIRO

Ao día seguinte da liquidación dos impostos Trimestrais do 2024, 3T, o 22 de outubro recibimos no IES á Fundación Mapfre e o seu xogo financeiro: Finexit e foi Marta, da Fundación Mapfre, a encargada de explicarnos as súas normas. Consistiu nunha xincana de pistas, que permite percorrer o itinerario das contas bancarias, os seguros, as tarxetas, as criptomoedas, o aforro, o tipo de xuro  e as divisas. 

 

O alumnado de 1º CM, 2º CM, 1º Bach e 1º e 2º FP Básica foron postos a proba, en distintas sesións e organizándose en pequenos grupos de traballo, para ser quen de resolver este escape room mediante a resolución de enigmas. Pasamos as sesións de xeito divertido e entretido á vez que aprendiamos conceptos financeiros.

Boa sorte para o seguinte e moitas grazas Marta pola túa xenerosidade e paciencia. Volta cando queiras, aquí che quedan moitas lerias que pasar.

ÁNGELES, REDEIRA DE MALPICA E JAQUI, MARISCADORA DE CAMARIÑAS VISIBILIZAN O SEU TRABALLO DO MAR

O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñeceu á asociación de redeiras O Fieital de Malpica pola súa achega na innovación no sector pesqueiro e acuícola cun terceiro premio nesta categoría. Nós, hoxe quixemos dar a coñecer ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO o traballo destas mulleres  da man dunha delas, Ángeles, secretaria de ANMUPESCA, que xunto con Jaqui, mariscadora e patroa de barco de Camariñas nos contaron a realidade da súa profesión.

 

Angeles describiu o traballo das redeiras, ensinounos artes e aparellos de pesca coas que traballan, comentounos como se desprazaban a traballar a zonas de Galicia onde non hai estas profesionais e as actividades de divulgación e formación que realizan dentro e fóra da nosa comunidade. Rematou subliñando o papel referente da asociación de redeiras de Malpica ao ser a primeira en constituírse en España tras o accidente de Prestixe  e cuxa loita conseguiu para este sector a cualificación profesional da súa actividade. 

 

Pola súa banda, Jaqui contounos en que consiste o marisqueiro, que especies colleitan e como as recollen, os aparellos que empregan ou como se protexen das inclemencias metereolóxicas. Tamén este labor, grazas ao asociacionismo pasou de ser un complemento da economía familiar de coidadoras da familia á profesionalización.

 

Esta actividade, que nos fixo chegar A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), compleméntase cunha exposición fotográfica que leva por título As mulleres da pesca: traballo invisible, pero esencial constituída por  trinta fotografías de mulleres desenvolvendo o seu traballo coas redes ou de marisqueo, e que teremos no noso Centro ata finais de mes. 

 

Con esta dobre acción quixemos dende a biblioteca contribuír á divulgación e ao recoñecemento do papel que desempeñan as mulleres do rural en xeral, e o destas profesionais do mar, en particular. 

VISITA AO STAND DE CIBESEGURIDADE DO INCIBE

No día de hoxe, o alumnado do segundo curso do ciclo formativo de grao medio acudiu a á Casa da Cultura de Vimianzo para visitar o stand sobre ciberseguridade que ten instalado o INCIBE, no que se fixo unha reflexión conxunta e unha análise sobre diversos aspectos da seguridade en internet.

Se ben estes conceptos resultan moi familiares para este alumnado, que teñen xa unha boa formación en cuestións de seguridade informática, sempre é importante escoitar recomendacións e compartir reflexións con profesionais moi cualificados que nos permiten manternos ao día e actualizar as medidas de prevención para evitar fraudes e ataques aos que estamos expostos no día a día.

Agradecemos ao INCIBE e ao persoal desprazado para esta actividade a súa intervención e os seus consellos, e ao Concello de Vimianzo que posibilitara a instalación deste stand que consideramos debería ser de visita obrigada para toda a poboación.

Distribuir contido