FacebookSíguenos en YouTube

O MAXIMINO ROMERO DE LEMA GAÑADOR NOS PREMIOS O MEU LIBRO FAVORITO 2024 GALICIA

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas e, consideramos que era a data idónea para entregar os premios ao gañador e ás gañadoras do noso Centro do concurso O meu libro favorito 2024 Galicia convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación e Universidades da Xunta de Galicia e a Fundación José Manuel Lara froito do convenio que manteñen ambas as institucións. 

 

Este certame, destinado ao alumnado de secundaria, ten como obxectivo fomentar a lectura entre a mocidade a través da escritura dunha pequena reflexión na que comentan cal é ou foi o seu libro preferido e ten dúas categorías: unha en lingua galega e outra en lingua castelán. Presentaba como novidade nesta edición a modalidade de podcast, tanto en castelán como en galego, e foi xusto nesta na que destacou o noso alumnado: conseguiron compartir de xeito emocionante e creativo as ideas que lle suxería o libro escollido.

 

En lingua castelá Henri Chie Sa Amorim de 2º ESO acadou o premio co podcast “Padre rico, padre pobre e na modalidade en galego, lográrono as alumnas Paula Lema Paz, Leticia Vázquez Castiñeira e Sabela Lema Caamaño de 3º ESO polo seu traballo conxunto sobre “A historia de Sara”Ambos os traballos foron guiados por Adriana Varela Vázquez, profesora que formou parte do Equipo da Biblioteca no pasado curso. 

 

No mes de xuño foi cando o xurado deu a coñecer os premiados e, a principios deste curso enviáronos ao centro os premios acadados  que hoxe entregamos e demos a coñecer. O alumno e as alumnas recibiron cadanseu dispositivo electrónico de audio e son. Á profesora, polo seu labor de incentivar a actividade, unha tarxeta regalo da Casa do Libro (valorada en 50 euros) e para o centro educativo recibimos un lote de libros, dotación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. 

 

O fomento da lectura é o obxectivo esencial de calquera biblioteca e a nosa non é unha excepción. Unha tarefa que vai máis alá da habilidade de saber ler e que pretende un mellor achegamento ao mundo do libro e á formación de lectores. Por iso dende a Biblioteca Escolar seguiremos a animar na participación en vindeiras edicións.