FacebookSíguenos en YouTube

FOTOMONTAXE: FRAGMENTOS E MOSAICOS

Rosa Neutro, destacada artista visual e fotógrafa, achegouse ao noso centro para impartir o obradoiro Fragmentos e mosaicos. Unha aproximación ao concepto de identidade a través do collage e o fotomontaxe ao alumnado de 1ºBACH.

Na primeira parte do taller,  teórica, visionaron o traballo de mulleres artistas incluído o seu. Con respecto a este último, ensinou algunhas das súas fotomontaxes a partir de fragmentos e en branco e negro dos que foron xurdindo as Divas do cine negro; personaxes femininas sen rostro, despoxadas de individualidade, da beleza e liberadas da súa condición de obxectos de desexo, para presentarse como figuras fantasmagóricas que non proxectan a súa mirada sobre o espectador, senón sobre si mesmas, amosándonos aquilo que oculta a beleza.

Tamén falou da mostra realizada con cascallos e recollida en Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)na que reflexiona sobre a infrarrepresentación das mulleres da arte e a necesidade de que formen parte activa, como autoras, da historia da fotografía. Agradecémoslle o exemplar do libro deste traballo que deixou na biblioteca.

Na segunda parte do obradoiro foi o alumnado quen reconstruíu retratos de mulleres, proporcionados por Rosa ou recollidos en revistas e xornais, con pequenos obxectos que trouxeron da casa, material reciclado, fío, cartolinas... converténdose eles e elas en artistas abraiados polo súas propias creacións. 

O Equipo da Biblioteca agradece a Rosa Neutro que aceptara realizar este obradoiro nos que impregnou aos/ás estudantes de arte galega feminina centrada na fotografía. 

ROTEIRO POLOS PAZOS DE ZAS

O roteiro polos Pazos do Concello de Zas que realizamos con 1º e 3º ESO o primeiro día da Semana Cultural non saíu como esperabamos polas condicións climáticas adversas. A nosa intención era facer unha andaina visitando os principais pazos da contorna, pero a chuvia impediu que fósemos a pé e  tivemos que realizar o percorrido en autobús con paradas no Pazo das Edreiras, no Pazo de Romelle, no Pazo de Rosende e finalmente visitamos as Torres do Allo.

Nas torres fixemos unha visita guiada polo interior, achegándonos así a un dos pazos máis antigos de Galiza e un dos mellores exemplos da vida nobiliar da alta idade media.

Unha visita que recomendamos facer e así pode descubrir e desfrutar do gran patrimonio arquitectónico civil que temos no concello de Zas.

ESPERTA A TÚA CREATIVIDADE CON IA

As novas tecnoloxías fixeron tamén acto de presenza na Semana Cultural con Óscar Rey e Fina Paulos, docentes de Informática no centro, que impartiron un obradoiro sobre intelixencia artificial ao alumnado de 1ºCM, o mércores, e ao de 3º ESO, o venres. 

No taller achegáronlles aos e ás estudantes diversas ferramentas de IA para favorecer a súa creatividade. Recursos que lles permitirán realizar deseño gráfico e a elaboración de vídeos impulsando as súas destrezas e rompendo límites sobre a creación dixital que nun principio puidesen ter.

A intelixencia artificial xenerativa de imaxes e vídeo contribúe na actualidade á creación de materiais audiovisuais de calidade e personalizados de maneira sinxela.
Unha das actividades que máis espertou a súa curiosidade foi a creación musical con intelixencia artificial. Tiveron que compoñer a letra e poñer a música á canción final que cada un 

deseñou.

 Grazas pola vosa xenerosidade e por compartir co alumnado, unha vez máis, o voso saber. 

CANVIVINDO

O alumnado de 1º e 2º ESO participou nun taller sobre cans de rescate organizado pola asociación CASAGA (Cans de Salvamento de Galicia). CASAGA ten como obxectivo prestar servizo na Comunidade Autónoma de Galicia na que os cans desempeñan un papel relevante. Xa participou en moitos rescates de persoas desaparecidas, como exemplo, no terremoto de Sumatra en Indonesia.

A primeira parte consistiu nunha charla que tratou sobre a tenencia responsable: consellos e normas básicas para o benestar e educación das nosas mascotas como, por exemplo, como actuar cando chega ao novo fogar, no que ao principio se senten inseguros e estresados polo que hai que ser pacientes e deixarlles o seu espazo para relaxarse. Non debemos esquecer que aceptar animais de compañía implica certas obrigas e responsabilidades como pode ser a de recoller os seus excrementos na rúa. Explicaron aspectos da linguaxe canina, aclarando que significan algúns xestos dos nosos animais de compañía. Tamén deron resposta á pregunta: Por que os cans se saúdan cheirándose o cu?

Son moitos os beneficios que nos poden proporcionar e non esquezamos que hai moitos animais nos centros de acollida que están esperando por unha adopción a cal é unha opción moi aconsellable.

Na segunda parte do taller tivo lugar a demostracións e exhibición de Arnol, Thor e Anka, tres dos cans da asociación: fixeron exercicios de educación e obediencia, e tiveron que atopar a alumnos/as agochados en contedores o que resultou moi emocionante para a rapazada.

Para rematar sacamos unha foto de lembranza cos nosos novos amigos peludos!

CON-SENTIMENTO. SEXUALIDADE E ADOLESCENCIA

A educación sexual é un tema importante na vida de calquera persoa, especialmente durante a adolescencia. Nesta etapa da vida, a mocidade experimenta cambios físicos, emocionais e sociais importantes e pode ter preguntas e preocupacións sobre a súa sexualidade e relacións. Por iso o obradoiro sobre esta temática impartido por Malaika Cousillas ao alumnado de 1º CM de Informática tivo moi boa acollida.

A Educadora Social aclarou termos referentes á sexualidade e afondou nos riscos de aprender sobre a mesma a través da pornografía. Desterrou mitos sobre a sexualidade, falou de como vivir relacións afectivo-sexuais positivas, facendo fincapé na comunicación, o coñecemento, a protección e a igualdade. 

Os/as estudantes tiveron a oportunidade de falar tranquilamente do tema cunha especialista, de contar os seus medos e preguntar dúbidas para entender o seu corpo, a súa sexualidade e establecer relacións, sempre consentidas, de maneira saudable e segura.

A GAITA, UN INSTRUMENTO MUNDIAL

O gaiteiro, e profesor deste centro, Alberto Coya achegounos neste obradoiro o carácter mundial da gaita, un dos instrumentos musicais propios da nosa cultura, quizais o máis recoñecido, pero que tamén está presente, con distintos nomes, na música popular de moitos outros lugares da Península Ibérica (Asturias, Castela, Euskadi, Navarra, Aragón ...), de Europa (Francia, Irlanda, Escocia, Portugal, ...) e do resto do mundo (norte de África, Oriente Medio, …).

Mediante unha exposición moi ben documentada, Alberto Coya realizou unha detallada descrición da gaita e dos tipos de gaita de cada zona, seguida por un repaso da historia deste instrumento:  a súa orixe, etimoloxía, iconografía e a evolución histórica desde a súa orixe, probablemente en Mesopotamia, ata a actualidade.

Por último, presentou unha mostra de gaitas de distintos lugares (galega, asturiana, irlandesa, escocesa) e distintos tipos, incluso dúas gaitas electrónicas, explicando as súas características e interpretando unha peza con cada unha delas coas que puidemos comprobar as distintas tonalidades que producen e as diferentes maneiras de executar este instrumento, así como tamén as súas semellanzas e o seu carácter universal.

Foi todo un privilexio asistir a esta exposición da man dun dos mellores gaiteiros do país e do mundo e poder compartir os seus coñecementos e a súa paixón pola gaita.  Sen dúbida, unha actividade imprescindible para o coñecemento e a valoración da nosa cultura.

TEATRO GHAZAFELHOS CON H2..OH!

O teatro tamén chegou coa Semana Cultura da man da compañía Ghazafelhos que representaron unha peza baseada no libro do mesmo título de María Canosa para o alumnado de 1º, 2º e 3º ESO.

H2..OH! é un laboratorio científico teatralizado, unha proposta de curiosidades científicas que experimentamos no noso día a día e moito, moito humor. A peza está protagonizada por María Canosa, unha divulgadora científica, e o matrimonio Curie, doutores en ciencia mundialmente coñecidos. 

Con extravagantes experimentos demostraron que os cascos protectores inventáronos os paxaros; por que a auga e o aceite non se mesturan; por que a torre Eiffel é máis alta no verán; como se alimentan as plantas; o funcionamento dos neutrinos; como se fai o formigón; que ósos destacan no esqueleto...

Moitas foron as pingas científicas que evidenciaron e sempre coa participación activa do público que gozou dende o comezo dun espectáculo teatral de calidade, moi lúdico e, á vez, didáctico. 

TRANSPARENTAR, UN ESPECTÁCULO DE DANZA

A compañía Mevadeus formada por Bal Castro, Inés Santos, Brais Pombo e Mara Neira, visitounos durante a Semana Cultural. É esta unha compañía que emprega o corpo e o son como ferramentas de expresión e experimentación co fin de tratar temáticas nas que se vexa reflectida a realidade e preocupación da súa xeración, a chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal: unha mocidade moitas veces silenciada e que con todo está fortemente implicada na loita social de todos os colectivos que sofren violencia na nosa realidade. 

Mevadeus crea  un teatro que busca o íntimo, que conecta a todas as persoas a través dun discurso propio, honesto e reivindicativo. Nesta ocasión puidemos gozar da peza de danza TRANSPARENTAR que formula unha pregunta principal: A Xeración de Cristal é fráxil ou transparente? Cuestión da cal emerxen outras que teñen algo en común, que pon o foco en diversos problemas sociais coma as enfermidades mentais, o uso das novas tecnoloxías, a sexualidade, etc.

Os corpos amosaron en escena a súa fraxilidade, permitindo que se vira a través deles. Deixando pasar a luz e o recoñecemento, o que os conforma e deforma.               

Deixándose ver

(A chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal está formada por persoas que naceron  entre finais dos anos noventa e dos inicios dos 2000)

Distribuir contido