FacebookSíguenos en YouTube

TRANSPARENTAR, UN ESPECTÁCULO DE DANZA

A compañía Mevadeus formada por Bal Castro, Inés Santos, Brais Pombo e Mara Neira, visitounos durante a Semana Cultural. É esta unha compañía que emprega o corpo e o son como ferramentas de expresión e experimentación co fin de tratar temáticas nas que se vexa reflectida a realidade e preocupación da súa xeración, a chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal: unha mocidade moitas veces silenciada e que con todo está fortemente implicada na loita social de todos os colectivos que sofren violencia na nosa realidade. 

Mevadeus crea  un teatro que busca o íntimo, que conecta a todas as persoas a través dun discurso propio, honesto e reivindicativo. Nesta ocasión puidemos gozar da peza de danza TRANSPARENTAR que formula unha pregunta principal: A Xeración de Cristal é fráxil ou transparente? Cuestión da cal emerxen outras que teñen algo en común, que pon o foco en diversos problemas sociais coma as enfermidades mentais, o uso das novas tecnoloxías, a sexualidade, etc.

Os corpos amosaron en escena a súa fraxilidade, permitindo que se vira a través deles. Deixando pasar a luz e o recoñecemento, o que os conforma e deforma.               

Deixándose ver

(A chamada Xeración Z ou Xeración de Cristal está formada por persoas que naceron  entre finais dos anos noventa e dos inicios dos 2000)