FacebookSíguenos en YouTube

ALANA FOLK PECHA A SEMANA CULTURAL

O grupo Alana, conformado por Eloy Vidal, de Corme; Pablo Castro, de Vimianzo, e Antía Vázquez, de Oleiros, puxo o broche final á celebración da XVIII Semana Cultural no noso Centro.  

Como as condicións climatolóxicas foron adversas non se puido celebrar o concerto na carballeira. Pero se perdemos en beleza e en espazo non foi así en diversión. Este grupo novel, gañador do premio Xuventude Crea 2023 na categoría de música, interpretou -coa colaboración de Xabier Gómez- cancións do seu primeiro disco “O xeito á cántigha”, recentemente publicado e composto por un repertorio de cancións tradicionais acompañadas de ritmos de base electrónica e pop. O estilo de Alana vén moi marcado pola importante presenza no directo das percusións tradicionais, así como de melodías que invitan en todo momento ao baile. De feito o público, que comezou sentado, axiña se animou e se puxo a bailar e troulear ata o remate do espectáculo musical.

Moitas grazas a Alana pola excelente actuación que serviu de colofón a unha semana chea de variadas actividades que conformaron unha interesantísima paréntese na rutina académica e que nos servirá para afrontar con enerxía o final de curso. Dámoslle o noso apoio e desexámoslle moita sorte na súa prometedora carreira musical

Agradecémoslle ao Concello de Zas a súa colaboración sempre que llo solicitamos e, en especial, pola realización deste concerto.