O pasado mércores o alumnado de 3º ESO, 1ºBACH B e o de Bioloxía de 4ºESO, realizou da man de Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e profesor emérito da Universidade da Coruña, unha ruta guiada polos Penedos de Pasarela e Traba .
A primeira parada foi a Ferida, canteira contra a que se loitou e que deixou esa cicatriz. Alí Romaní falounos sobre a orixe xeolóxica dos Penedos: como e cando se definiron esas formas. Logo continuamos o percorrido observando unha gran variedade de rocas con formas zoomórficas e antropomórficas: o cantor, a aguia, a balea, a pedra de abalar...
Baixo as explicacións do recoñecido xeólogo todos e todas puidemos gozar da singularidade desta contorna única da Europa Continental; unha paisaxe que foi descrita como un zoolóxico de pedrea do Paleozoico.