INFORMACIÓN ESO

       

 

 

INFORMACIÓN BACHARELATO

ELECCIÓNS CONSELLO ESCOLAR 2024

INFORMACIÓN FP

       

ERASMUS+

 

 

 

 

                 

 

Normalización Lingüística

ECOARES DE CELSO EMILIO. Faro de Vigo 12-1-12

Armando Requeixo


Vai alá medio século dende que viran luz por vez primeira os versos de Longa noite de pedra. Digo así e digo inexacto, pois o certo é que aquel emblemático poemario de Celso Emilio Ferreiro levaba no seu interior, como no ventre da balea, moita vida anterior. Ata el chegaran composicións que apareceran antes en Voz y voto (1955) e outras nas revistas Papeles de Son Armadáns e mais Vieiros.


E é que Longa noite de pedra non foi libro concibido unitariamente e si terra fértil aluvión. Sabido é que a idea do poema que dá título ao libro xurdira moitos anos antes, cando, por manifestar nunha tasca a súa antipatía contra o bando nacional, foi encarcerado durante catro días e tres noites nun zulo pétreo do vello mosteiro de San Rosendo, na súa Celanova natal. Corría o ano 37 e aquela vivencia carceraria, que o marcaría a lume, fixo agromar o espírito de Longa noite de pedra, liberando o aire das miasmas.


Vinte e cinco anos máis tarde Celso Emilio erguía as nasas poéticas que fora deitando aquí e acolá para amosar a prata líquida de Longa noite de pedra, unha ardora que ben pronto gañaría a todos, crítica e lectores, xa avisados da valía do escritor por portentos anteriores como O soño sulagado (1955).


Mais, visto dende os ollos dun lector de comezos do XXI, cómpre preguntarse se aquel éxito fulgurante do libro naceu unicamente da excelencia literaria que deitaba, que tamén xaora. E teño para min que boa parte da masiva aceptación daqueles versos lle veu á obra de Celso Emilio pola vía do musical. Non digo eu que Longa noite de pedra non fose sobradamente recoñecida e considerada dende o puramente textual como un fito indiscutible dende a propia hora da súa publicación. Non. O que afirmo é que se chegaron as súas composicións a converterse en verdadeiramente populares foi por arte e graza das versións que delas fixeron cantautores da Nova Canción que ben pronto alentaría. Noutras palabras: que os versos de Celso Emilio esponxaron naquela harmonía guitarresca producindo o mesmo efecto propalador que hoxe provoca a adaptación cinematográfica dun texto narrativo previo.



 E a sombra da Longa noite de pedra foi alongada, pois a escrita sociopoliticamente comprometida e belixerantemente denunciadora do poeta creou escola que se estendeu ata entrados os anos setenta para, mudados os tempos e chegadas as airexas democráticas, ir devagariño pousando lene no Olimpo dos deuses literarios aos que vagamente se volve se as humanas xeiras non o precisan.


E velaí onde quero ancorar esta miña reflexión efemerística de hoxe, na consideración da actualidade e/ou vixencia do legado de Longa noite de pedra para os nosos días, pois, como tentarei explicar telegraficamente, son da opinión de que a súa escrita ha rexurdir e repopularizarse con forza inusitada nos tempos inmediatamente vindeiros. Máis aínda: ese camiño xa se empezou a andar.


¿Por que o Celso Emilio de “Longa noite de pedra”, de “Deitado fronte ao mar” ou o "Monólogo do vello traballador" proxecta unha mensaxe actualísima para os lectores deste novo milenio? Pois porque nunca antes nos últimos trinta anos viviu Galicia unha situación socioinstitucional de tan rabudo autodesprezo, de tan obsceno desmantelamento das estruturas socioidentitarias que foron erguéndose, con infinito esforzo e gañando mil e unha pequenas batallas, ao longo dos tempos democráticos. Eses logros vense agora en claro perigo de desaparición e o lectorado galego, que viviu décadas recentes aprendendo a desaprender a mercenarización da súa lectura, comeza a repregarse nunha sorte de contracción de anana branca da que, con seguranza, acabará por estoupar para a liberación definitiva. Nese vieiro libertario os versos de Celso Emilio seguirán ecoando como ensalmo esconxurador, como biblós votivo no que espellar, para seguir así o exemplo dos que antes de nós foron. Porque, como nos ensinou o poeta, “Erguerémo-la espranza/ sobre ista terra escura/ coma quen ergue un facho/ nunha noite sin lúa”. E os tempos dados veñen duros. E o inverno ha ser longo. Mais o lume que alampexa…


MÚSICA E LINGUA

 No enlace podedes escoitar a Xoán Pardo musicando un poema de Cabanillas e outro de Pondal http://youtu.be/KTYCNuQ_T80

MÚSICA E LINGUA

Nestes enlaces podes escoitar  o Romance História da Língua no que o grupo A Quenlla musica unha obra de Darío Xohán Cabana http://youtu.be/dHYVhYe-osY


O  Romance continúa na seguinte canción http://youtu.be/7POrLjqPR1U


E segue http://youtu.be/DJinbmFDvk4


E non remata http://www.youtube.com/watch?v=DJinbmFDvk4&feature=share&list=PL8431796543323A3C


 

MÚSICA E LINGUA

Saraibas é un grupo musical galego formado no ano 1978, por un grupo de amigos de San Sadurniño que levaban tempo cantando xuntos como afeccionados.


Nos seus inicios as súas actuacións estaban ligadas á súa área xeográfica máis próxima, porén a partir do lanzamento do seu primeiro traballo, no ano 1980, a súa populariade aumentou e comezaron a actuar por toda a Galiza e participar tamén nos seus primeiros concertos no estranxeiro, tanto en Sudamérica como en Europa, compartindo escenario con figuras da música galega e internacional.


Tras a incorporación de Manuel Alonso "Bacalau", o grupo saca o seu segundo traballo Xa non podemos calar, no ano 1981. Desde entón os cambios na formación serán constantes, destacando, entre outras, a colaboración de Carlos Beceiro (do grupo La Musgaña), a breve incorporación de Juanjo Porta Vizoso (Malincorne, Gwendal) para o disco Cancións para un ano, o paso de Óscar Fernández Sanjurjo, que despois formaría Os Cempés, e o paso de Paco Román, presente no disco Careca.


O último traballo do grupo é Cantamos para poder voar, de 1999. A súa formación actual está composta por Amparo Calvo (gaita, percusión e voz), Xela Barro (voz), Avelino Cinza (frautas, percusión e voz), Miguel A. Sanjurjo (percusión e voz), Martín Sanjurjo (guitarra, mandolina, violín e voz), Juanjo Porta (guitarras), Sergio Vázquez (baixo) e Francisco Rodríguez (percusión e acordeón).


O estilo desenvolto por Saraibas sempre estivo relacionado cunha clara vocación folk porén, o contido das súas letras e o momento político no que xurdiu póñeno tamén en relación coa canción de autor e a canción de intervención política. Ese medio camiño é similar ao que practicaron outros grupos contemporáneos como Fuxan os ventos. Conforme a situación política se asentaba, o grupo tendeu máis cara a súa raíz folk, tomando moitas das súas cancións de temas populares. A pesar disto, Saraibas sempre manifestou o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, dende a fidelidade á lingua até o apoio de iniciativas autóctonas. Bo exemplo disto foi o momento no que rexeitaron un contrato discográfico coa internacional Philips para fichar pola discográfica galega Ruada. O grupo tamén promoveu a iniciativa Cantareliña, un certame musical celebrado entre 1983 e 1991 na que participaban nenos de distintos centros escolares, e que tiña como obxectivo a promoción e a normalización da lingua galega e da música popular.


Discografía:


Unha terra, un pobo, unha fala (1980).


Xa non podemos calar (1981).


Careca (1986).


Camiño longo (1991).


Cancións para un ano (1996).


Cantamos para poder voar (1999).


 Neste enlace podes escoitar a súa canción Os aproveitados da fala  http://youtu.be/M04wdUcaBZc

MÚSICA E LINGUA

No enlace podes escoitar a canción Galego na escola de Cristina Fernández


http://youtu.be/FqOzKGR8g1c

MÚSICA E LINGUA

Eles fan música de raiz dende un punto de vista actual, sen complexos nin ataduras, tendo sempre claro as súas orixes pero mirando cara adiante en todo momento. Claro reflexo son os seus traballos discográficos, nos que se observa unha constante evolución musical, coa que acadaron un son propio e característico. Dende aquel primeiro “Quempallou”, e a música tradicional como base, pasando por “Estremonías” e a forza da palabra, chegando a “Polo Aire”, cunha importante madurez musical, composicións propias e coidados arranxos.


Agora presentan o seu novo e agardado traballo discográfico “Vellas Novas”, que cunha estética baseada no mundo do xornalismo, contén composicións propias e tradicionais ao máis xenuino estilo de Quempallou. “Vellas Novas” é un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.


Gozade pois coa fresca proposta de Quempallou e deixádevos levar pola forza da súa música e da súa palabra. Ide gustosamente a canda eles...


Compoñentes:Roi Maceda: Acordeón. Guillerme Ignacio: Gaitas, frautas, voz. Isaac Millán: Bouzouki, Guitarra acústica. Roi Adrio: Tamboril, percusións. Xosé Maceda: Bombo, percusións. Alfonso Agulla “Eski”: Son ao vivo.


Discografía


Quempallou – Quempallou. 2002 Zouma Records. ZRCDO021.


Quempallou – Estremonías. 2004 Zouma Records. ZRCDO038.


Quempallou – Polo Aire. 2007 Zouma Records. ZRCDO050.


Quempallou – Once Anos Mallando. 2010 Zouma Records. ZRCDO064.


Quempallou – Vellas Novas. 2012 Zouma Records. ZRCDO069.


 


www.quempallou.com é a súa páxina. Dela sacamos a información.


Premendo no enlace podes ver o vídeo da canción Coa lingua de fóra  http://youtu.be/AIuv7ABjOcI

12H12D12M2012

VALENTÍN PAZ ANDRADE

<iframe src="http://www.glogster.com/glog/6lht9cfkdr28lv31nm3bia0" height="488" width="360" name="glogster-embed-glog" frameborder="0" scrolling="no" marginheight="0" marginwidth="0" style="overflow: hidden;"></iframe>

VIII SEMANA CIENTÍFICO-CULTURAL

Preme en Open publicatión para ver o programa da VIII Semana Científico-Cultural do Instituto Lamas de Abade

O VALEDOR E O DESVALIMENTO, artigo de Suso de Toro editado no País

O VALEDOR E O DESVALIMENTO


16 de decembro de  2011, EL PAÍS


No bestiario do Real Madrid a primeira besta temíbel é Guardiola, dunha elegancia temíbel. E no seu vestiario reina hoxe o portugués Mourinho (xa vostede repararía en que se chama igual que o actual propietario do Celta, Mouriño. O mesmo apelido escríbese distinto porque Mouriño ten nacionalidade española, xa Nebrija avisou de que a gramática vai ligada ao Estado).


O Mourinho representa o lado escuro do fútbol, non teme andar na lama, ese é o torreiro que quere para bailar, e mesmo gosta de enlamar a quen se achegue. Haille que recoñecer que ten algo de atractivo, o do malo, e sobre todo que ten un gran sentido teatral, fai do fútbol un drama; do deporte, teatro. E ese malandro formou no vestiario do clube blasón do españolismo madrileño unha cuadrilla de portugueses e brasileiros que naturalmente falan entre eles nesa lingua na que o Mourinho bota "caralhos" (da provincia de Pontevedra para abaixo e no resto do mundo escríbeno así, desculpen). Un século despois de que Alfonso XIII de España e os seus xenerais e demais tropa planease a invasión de Portugal, o españolismo teme que marche Cataluña e unha manda de portugueses e brasileiros é a dona do Real Madrid. O Real Madrid é bilingüe! Agora que aquí fan ao revés, a desfacer a Lei de Normalización Lingüística. A desfaceren a autonomía, ninguén se engane.


A Transición foi unha retesía na que a dereita española, que tiña todo o poder, aceptou ceder parte do terreo ao antifranquismo, e o antifranquismo tiña un programa que incluía as liberdades democráticas e o recoñecemento político das nacionalidades. Iso foi aceptado e pactado no substancial. Outra cousa é o que está a facer agora a dereita, reconquistar o terreo cedido: o pacto político que deu lugar á Constitución vixente está roto, e a dereita españolista dun lado e os nacionalismos vasco e catalán do outro póñeno en custión. A nós estanos correspondendo, sen dúbida, tragar a política neonacionalista que chega de Madrid. Quen reclamou no seu día liberdades, política social e autogoberno contra Franco e logo o Estatuto de Autonomía que nos negaban pode dicir que asiste a un ataque contra todo polo que loitou. Asistimos á burla da autonomía, un goberno creado por indicación constitucional para protexer os nosos intereses e a identidade colectiva lexisla contra a lingua propia da Galiza. E o Valedor do pobo quere que un libro de texto teña que dar explicacións do artículo V do Estatuto: "O galego é a lingua propia de Galicia". Como se houbese que precisar máis, como se a Constitución non fixese obrigatorio coñecer o castelán. Na situación na que vivimos, que lingua e que falantes teñen que ser protexidos e animados? A quen lle val o Valedor?


A Constitución recoñece a Galiza como "nacionalidade histórica", malia todo. E temos un Estatuto que é o froito de sangue, cárcere e exilio, non foi regalado graciosamente polo Estado centralista. Non é obrigado vivir entre nós, somos galegos, xa se sabe, revirados, obtusos; marchar deste país é libre, os galegos levan séculos marchando e falando todas as linguas que se lle puxeron por diante. Non, non somos catro provincias, somos unha nacionalidade. Quen non estea a gusto debe buscar onde estar, o que é atrozmente incívico é vir aquí a dividir e sementar odio. Non, non somos catro provincias da Puerta del Sol, somos unha nacionalidade.


                                                                                    Suso de Toro


Podes ver o artigo premendo


http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Valedor/desvalimento/elpepiautgal/20111216elpgal_21/Tes

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer