O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, anunciou este sábado que a entidade recorrerá o decreto do Plurilingüismo no ensino non universitario ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A organización súmase aos recursos presentados polos sindicatos educativos e a Real Academia da Lingua (RAG).
No seu recurso a asociación de defensa do galego solicitará que o tribunal “suspenda” a aplicación do decreto de forma “provisional” até que exista unha sentenza de “fondo” dos tribunais para que así “non se aplique” no próximo curso. Carlos Callón xustificou esta petición sinalando que os tribunais “tardan entre un ano e medio e dous” en ditar sentenza e o decreto “infrinxe” normas legais como a Constitución.
Callón apuntou que A Mesa solicitará unha suspensión “total ou subsidiaria” de aqueles artigos centrais que “reducen” a presenza do galego e prohiben a docencia de varias materias no idioma de Galiza.
A organización acompañará o seu recurso de varias ponencias específicas feitas polas tres universidades galegas que sinalan que no caso da entrada en vigor da nova norma o próximo curso “danaríase de forma irreparábel ao conxunto da sociedade, especialmente á comunidade infantil”.
O recurso que presentará A Mesa súmase ao anunciado este venres pola RAG, entidade que segundo apuntou Carlos Callón, “sabe estar á altura do momento histórico no que nos atopamos e no que o Goberno está producindo os ataques máis graves da historia democrática ao idioma de Galiza”.
Podes ler a nova no xornal premendo http://www.anosaterra.org/nova/a-mesa-recorrera-o-decreto-do-plurilinguumlismo--.html
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer