Segundo o Instituto de Estatística o 56,4% dos galegos ten como lingua preferente do país fronte a un 42,6% que ten o castelán. A perda de falantes é especialmente dramática nas zonas urbanas e entre a xente nova.
En 2003 o 43% dos galegos declaraban falar sempre a lingua propia. Cinco anos despois a porcentaxe de monolingües declarados é trece puntos menor (30%), o que significa practicamente a perda dun terzo deste tipo de falantes. Quen achega tan dramáticos datos é un organismo oficial que depende da Xunta de Galiza, o Instituto Galego de Estatística na súa Enquisa de condicións de vida das familias do ano 2008.
Pero a onde vai ese terzo de galegofalantes que se perde? Analizando as táboas estatísticas pode comprobarse que no período 2003-2008 aumenta oito puntos o número de persoas que empregando máis o galego tamén utilizan en menor medida o castelán (26,4%).
Pola súa conta, a poboación que emprega o castelán de xeito exclusivo aumenta cinco décimas con respecto a 2003 e sitúase, segundo o IGE, nun 20,1%. Tamén hai máis persoas que, empregando as dúas linguas, priorizan a castelán (22,5%).
En termos xerais, en 2008 un 56,4% das persoas que respostaron a enquisa afirman falar só galego ou máis galego ca castelán. O 42,6% falarían só castelán ou maioritariamente en castelán. Os datos de 2003 apuntaban a que un 61,2% da poboación falaba só ou maioritariamente en galego fronte a un 38,3% que facía o propio na lingua allea.
O galego perde por goleada entre os máis novos
Se xa é preocupante a caída de uso do galego en termos xerais, particularmente dramático é o emprego da lingua entre a xente máis nova. O 29,6% dos rapaces entre 5 e 14 anos empregan só o castelán, fronte a pouco máis dun 15% que o fan en galego. Tan só entre os maiores de 50 anos hai máis galegofalantes habituais que castelánfalantes.
Outro dato que revela a escasa normalización da nosa lingua é que só o 15% dos cidadáns escriben habitualmente en galego, fronte a case un 83% que o fai case sempre en castelán.
As familias galegofalantes case marxinais nas áreas urbanas
Nas grandes cidades a porcentaxe de galegofalantes habituais é moi minoritaria. Así en Ferrol só o 3,93% dos fogares ten como lingua habitual de todos os seus membros o galego; en Vigo, o 3,96%; na Coruña, o 5,34%; en Pontevedra, un 6,74%; en Lugo, un 10,45%; en Compostela, un 10,62%; e en Ourense un 13,59%.
As comarcas onde o galego é lingua habitual hexemónica son Costa da Morte, Bergantiños, Ordes, Arzúa, Melide, O Carballiño, O Ribeiro, Terra de Celanova, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana.
Podes ver aquí o informe completo do IGE
Podes premer no enlace para ver a nova en VIEIROS http://www.vieiros.com/nova/79153/a-porcentaxe-de-nenos-castelanfalantes-case-duplica-aos-de-galego
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer