Un decreto que se contralexisla
Xabier P. Docampo
XORNAL DE GALICIA 20/03/2010
Imos ver. Os nosos gobernantes e os que os apoian espernexan cando algúns os alcumamos inimigos do galego ou glotocidas que lexislan para acadar a súa desaparición, cando menos, nalgúns ambientes sociais. E farían ben en se ofenderen se isto non fose algo que se pode demostrar sen dificultade. E a iso vou dedicar este espazo. Calquera o poderá entender, e se non é certo o que digo, desafío o señor conselleiro de Educación ou o señor presidente a que demostren o contrario.
Vexamos. Acaba de se facer público o chamado “Decreto para o plurilingüismo”, e no Capítulo III, dise:
“Artigo 4.- Principios. Os principios a partir dos que se elabora este decreto son os seguintes: 1. Garantía da adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia”.
Para iso é para o que se fai o decreto e para o que se establece unha distribución das materias por linguas vehiculares, galego unhas, castelán outras. Pero no mesmo capítulo e no seu artigo 12, inclúen este punto:
“3. En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior (Lingua castelá e Lingua galega) e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.”
O que fai totalmente inútil o uso dunha lingua como vehicular na materia para o fin que se di perseguir, que era o de conseguir que os alumnos e alumnas teñan en galego unha competencia lingüística semellante á do castelán. Haberá unhas materias que se explicarán en galego, pero o alumnado non terá que facer uso oral nin escrito, se non quere, desa lingua (“procurarase” ten ben pouco valor normativo), e mesmo poderá ter os seus libros de texto en castelán. Por tanto, nada fará, nin falar nin ler nin escribir, para chegar a esa competencia. A non ser que a adquira por ciencia infusa. Vemos pois como o mesmo decreto lexisla en contra do que di, porque, se por un lado se poñen medidas para acadar esa competencia, por outro establece os mecanismos persoais para que se poidan incumprir legalmente esas medidas. Ao final o único que practicará o idioma no que se dá a materia será o profesorado, que se supón que xa non lle fai falla.
Sabemos ben que en realidade este decreto está feito para que os fillos e as fillas de certas familias galegófobas, os negacionistas aos que os nosos gobernantes entregaron a súa alma, non teñan nunca contacto coa lingua galega máis aló dun cativo coñecemento da súa gramática e da historia da súa literatura. Os que nos gobernan están presos dun neocentralismo que aborrece calquera diferenza e quere impoñer a uniformidade no Estado español.
Por iso eu afirmo que o señor conselleiro de Educación e, principalmente, o señor presidente da Xunta son dous declarados inimigos da lingua propia de Galicia. Isto non é máis que unha actuación inmoral de engano, de mentira, de proceder falsario. Saben que hai trampa, vémola todos, eles tamén. Saben que non ten sentido facer un decreto para meter dentro a posibilidade de incumprilo. Saben que os tribunais deixaron ben clara a improcedencia de reclamar para os alumnos a liberdade de usar nas aulas de forma oral e escrita a lingua da súa preferencia.
Coñecen perfectamente a sentenza 1084/2007 do TSXG e saben que o seu decreto será recorrido perante os tribunais, pero o seu cinismo chega a tal punto que non lles importa, só queren gañar tempo en facer dano ao galego, que eles identifican como o seu inimigo. Cando teñan que retirar ese apartado unha boa parte do dano estará feito.
Pódese advertir con claridade a malevolencia, no seu sentido etimolóxico –para seguir a moda de advertir en que sentido se usa cada palabra–, desta artimaña pensada co único obxecto de ir corroendo o futuro da nosa lingua. Como deixou escrito alguén, hai uns días, nun foro dos negacionistas, de facer do decreto o principio do final da normalización lingüística.
Podes ler o artigo na edición dixital de Xornal de Galicia premendo
http://www.xornal.com/opinions/2010/03/20/Opinion/decreto-contralexisla/2010032012354600320.html
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer