…..O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato. …..Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado. …..De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor, e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo. …..Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar. …..¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno. |
|
…..Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente. …..E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo... …..Aquel si que era o pai de Migueliño.
Castelao Cousas, 1926-1929 |
Miguel Castelao dirixe no 1977 unha curta sobre este relato de Castelao.
Podes vela premendo nos enlaces
http://flocos.tv/curta/o-pai-de-miguelinho/
<iframe name="ifrm" src="http://www.culturagalega.org/avg/produccion_include_simple.php?Cod_prdccn=482&busca=O pai de Migueliño" width="100%" height="500" scrolling="no" frameborder="0">Sentímolo, o teu navegador non soporta marcos.</iframe>
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer