Por terceiro ano consecutivo, un alumno do IES Lamas de Abade resultou premiado no Concurso Mellor Xornalista de La Voz de Galicia. Trátase de Julio Pérez Sánchez, alumno de 2º de bacharelato que conseguiu o terceiro premio da categoría xuvenil cun artigo sobre o uso do teléfono móbil na aula.
No ano 2018, David Furelos (2º ESO) conseguía tamén un terceiro premio por unha entrevista realizada a un fogueteiro da súa aldea. E no 2019 a ganadora foi Nerea Mera (1º ESO) cunha entrevista á súa bisavoa sobre as súas vivencias durante a Guerra Civil.
Este ano, a pandemia non permitiu a realización de ningún evento para a entrega de premios. que serán enviados aos respectivos colexios e institutos dos ganadores. Nin sequera se publicaron os textos premiados na sección de La Voz de la Escuela como viña sendo habitual nos últimos anos.
Para solucionar ese inconveniente, velaquí o artigo de Julio, que como bo xornalista escolleu un tema actual, relevante e mesmo polémico. Lembrade que o curso pasado o uso do teléfono móbil dentro do instituto foi unha cuestión moi discutida.
O móbil na aula: vantaxe ou desvantaxe?
Moitas persoas pensan que sería beneficioso poder aproveitar os novos avances tecnolóxicos que fan posible que teñamos nas nosas mans a fortuna de realizar miles de tarefas comodamente, tarefas que antes eran moito máis complexas e incluso inimaxinables.
Outras moitas persoas opinan que os móbiles nas aulas poden ser grandes distraccións e que poden traer poblemas de atención e de concentración, debido ás constantes notificacións que recibimos durante o día e á necesidade que sentimos de revisalas a miúdo; e influír negativamente no rendemento escolar.
Claramente estes deben ser factores a considerar, mais debemos ter en conta a realidade actual: a gran maioría dos adolescentes teñen un teléfono móbil. Isto podería ser unha vantaxe, xa que ademais eses teléfonos móbiles teñen acceso a internet. O sistema educativo debería poder ver os teléfonos non como un inimigo que hai que prohibir senón como un aliado na educación.
Hoxe en día, hai miles de plataformas educativas na internet que teñen como obxectivo facilitar a aprendizaxe do alumnado e así poder axudarlle ao profesorado. Un exemplo poderían ser as plataformas educativas que empregan a tecnoloxía da realidade aumentada para poder proxectar imaxes virtuais da vida real. Por exemplo, os alumnos poderían facer aparecer un sistema solar nos seus pupitres grazas aos móbiles ou incluso ver os diferentes sistemas que hai no organismo con todo tipo de detalles.
Ademais de ser unha grande axuda, podería reforzar a atención dos alumnas e alumnas xa que se concentrarían na parte educativa dos teléfonos.
En conclusión, creo que a utilización de teléfonos móbiles nas aulas, podería ser moi útil na aprendizaxe e sobre todo reduciría as distraccións xa que o alumnado tería a atención posta nos móbiles pero á vez estaría aprendendo e facendo dese xeito que a ensinanza sexa máis interactiva, máis adaptada á tecnoloxía actual, menos aburrida e incluso máis eficaz.
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer