Skip to Content

CHARLA "POLA IGUALDADE E FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO"

Interesante charla impartida polo sociólogo e sexólogo Erick Pescador no IES A Basella o próximo 31 de xaneiro ás 18:30, dirixida a familias e profesorado:

 

BO NADAL 2022!

O día 22 daremos as vacacións de Nadal e un ano máis, todas as persoas que integramos a Comunidade educativa do IES Faro das Lúas queremos transmitirvos os nosos mellores desexos para estas festas tan familiares. Voltaremos o 9 de xaneiro con máis ilusión ca nunca. Boas festas!

CHRISTMAS CARDS

A rapazada de 1º ESO deseñou postais dixitais de Nadal en inglés. Deixámosvos aquí algunhas mostras.

Feito con Padlet

ACTIVIDADES DE NADAL DO 22 DE DECEMBRO

O vindeiro 22 de decembro daremos as vacacións de Nadal ata o 9 de xaneiro. A partir das 12:00 celebraremos a nosa Tómbola solidaria de Nadal. Durante os recreos dos días 19, 20 e 21 de decembro venderanse as rifas por valor de 1 euro e os fondos recadados irán destinados integramente a unha asociación benéfica escollida polo alumnado.  Merca a túa rifa por 1€! 

Ademais, gozaremos dun espectáculo de maxia para todo o alumnado. 

 

DÍA INTERNACIONAL POLA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Dende a Coordinación de Igualdade do IES Faro das Lúas reivindicamos o 25N cunha mostra gráfica na que intentamos poñer de manifesto a lacra da violencia machista, que día a día se cobra vítimas en todo o mundo. O Día pola Eliminación da Violencia de Xénero é, para nós, unha data clave que abre unha época de concienciación e por iso non quixemos reducir a defensa dos nosos dereitos a un só día. Os murais, imaxes e artigos presentados estarán no centro de xeito permanente como mostra de solidaridade e concienciación. Dende o 25 de novembro as nosas alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de participar nun mural conxunto, coas súas firmas e as súas propias frases de apoio á causa.
 
 
 
Tamén contamos cunha mostra gráfica moi visual e potente, que nos fai pensar a todas e a todos na realidade de millóns de mulleres no mundo. Os carteis con nomes e apelidos de todas as mulleres vítimas de violencia de xénero no noso país no que vai de ano que se pode ver nas escaleiras do centro fainos apreciar como o 25N non é unha soa data, non é un só día, é unha reivindicación continua que nos acompaña no sendeiro da búsqueda da igualdade. Loitando por que a lista de asasinadas deixe de medrar.
 
Por último tamén elaboramos un Buzón Violeta onde alumnas e alumnos foron deixando as súas reflexións e achegas sobre a violencia de xénero; historias reais e anónimas que nos rodean e ante as que non debemos xirar a cara. Estarán expostas no centro para formar parte do traballo da Coordinación de Igualdade e dalgunhas titorías do curso. 
  

VISITA Á EXPOSICIÓN "MULLERES GALEGAS"

O pasado venres as alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Faro das Lúas visitaron a exposición "Mulleres Galegas" no Auditorio Valle Inclán de Vilanova de Arousa.
 
A obra gráfica de Charo Palacios Orive amosa as figuras de María Casares, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, María Pita, Maruja Mallo, Emilia Pardo Bazán e La Bella Otero acompañadas da interpretación da actriz Fátima Rey, do colectivo Féminas en Acción.
 
Nesta exposición nárranse as vidas e obras destas mulleres galegas, adiantadas á súa época e castigadas polos seus avances. Un exercicio de reflexión sobre os dereitos acadados e os que quedan por acadar e unha forma de achegarnos ás nosas galegas máis ilustres.
 
A actividade, promovida polos Departamentos de Lingua Galega e Igualdade do centro, encádrase nas propostas para este mes de loita contra a violencia de xénero que estamos a levar a cabo no centro.
Fotografías: Raquel Parada e Andrea Pérez.
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut