Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Charla co escritor Pedro Feijoo Barreiro

Hoxe, xoves 27 de abril, recibimos a visita do escritor Pedro Feijoo Barreiro. Moitos dos nosos alumnos de 2º de bacharelato leran este curso o seu libro Morena, perigosa e románica. Pedro non quixo acaparar el o discurso e dedicouse a maior parte do tempo a responder as preguntas que lle formularon as rapazas e os rapaces. Tamén a profesora Beni Vidal quixo saber como escollía o tema das súas novelas. Feijoo é un home novo aínda e entusiasta do seu oficio: algunhas cuestións claramente encantábanlle. Por exemplo: Pódese vivir ben en Galicia só da literatura?, Que estás lendo agora?, Que hai de ti nalgúns dos teus personaxes? (literalmente dixo que esa era a pregunta do millón). Foron case dúas horas intensas e todos estivemos pendentes da rica e fluída comunicación co autor vigués. Destacariamos das súas palabras un par de ideas básicas: que o sistema literario galego é amable e nel cabe todo (incluída unha comedia gamberra), que a obra que acaba de escribir é a súa favorita (Os fillos do lume) e que na súa vida tivo un peso específico a figura do seu avó, aquel que o levaba da man ao café Goya, frecuentado por Valentín Paz Andrade. Grazas, Pedro! E grazas, mozas e mozos de segundo bach., polo ben que soubestes escoitar e participar!

 

 



blog | by Dr. Radut