INTERCAMBIO CO COLEXIO IRÈNE JOLIOT-CURIE DE FONTENILLES. ALUMNADO DE 3º DE ESO.
Un ano mais os alumnos e alumnas do colexio Irène Joliot-Curie de Fontenilles, unha localidade preto de Toulouse, estiveron na nosa cidade este mes de outubro, do 14 ao 20, no primeiro encontro do intercambio que organiza o departamento de francés. Trinta e tres alumnos de 3º de ESO e tres profesoras gozaron da acollida das familias españolas e de numerosas actividades coordinadas polos membros do departamento. Realizamos con eles dúas excursións : a última etapa do Camiño de Santiago e a ruta Muros-Ézaro-Vimianzo, coa visita á cascada do Ézaro, á vila de Muros, onde fíxeron un percorrido guiado moi interesante e tiveron ocasión de degustar pratos típicos galegos, e ao castelo de Vimianzo, no que puideron aprender algo da historia de Galicia e dos oficios tradicionais. O tempo non nos acompañou e impediu facer unha parada na praia de Carnota pero como eles din : " échange pluvieux, échange heureux", que en galego sería “intercambio chuvioso, intercambio ditoso”.
Co alumnado do ciclo de Guía, información e asistencia turística pasearon pola a cidade, moi atentos ás súas explicacións. Tamén visitaron os museos científicos, o Aquarium Finisterrae, a Torre de Hércules, o Castelo de San Antón e a Casa Picasso, acompañados sempre por profesorado de francés do centro. Por último, coñeceron un pouco a historia do instituto da man da nosa directora, Isabel Ruso e fixeron fotos na nosa aula antiga. Como despedida, tivemos unha divertida festa na sala Picasso, con actuacións dos alumnos e alumnas, á que acudiron convidadas as familias e que finalizou cun buffet ofrecido polas familias e servido polo alumnado do ciclo de Axencias de viaxe e xestión de eventos, na biblioteca do instituto. Temos que facer unha mención especial ao alumnado de ciclos que, axudados polo seu profesor François Davo, participou de xeito entregado nas actividades encomendadas.
As familias francesas agradecen o bo trato que recibiron os seus fillos e fillas e espérannos para o mes de abril, cando terá lugar a segunda parte deste intercambio.
Grazas a todas as persoas que fan posible esta bonita experiencia!