Mar adiante Mª Victoria Moreno

 

Resultado de imagen de Mar adiante

 

 

Mar adiante  é unha das obras esenciais da literatura infantil galega. Foi escrita por María Victoria Moreno, homenaxeada este ano nas Letras Galegas, en 1971. Para entender a importancia que ten esta obra na traxectoria da autora e mais na literarura galega hai que remontarse  aos anos 60, especialmente aos anos 1965, 1966 e 1967. Nestes anos a futura escritora chega para dar clases a Lugo. No seminario de Lingua Castelá coñece a Xesús Alonso Montero e a súa familia, e comeza a namorarse da lingua galega (pouco a pouco vai adquirindo coñecementos sobre esta lingua, e aumentando o seu vocabulario galego).

Nunha conferencia de escritores e poetas alófonos en lingua galega María Victoria dixo que cando un periodista pontevedrés  lle  preguntou que estaba escribindo nese momento (acababa de gañar un premio nun certame de Guimaraes por un relato), ela, nova no mundo da escritura, respondeulle que “un libriño para nenos en galego”, tentando semellar “unha escritora de verdade”.  A súa conciencia levoulle a soñar nunha soa noite tódalas historias de Mar adiante  de principio á fin.

 

 Moreno confeccionou una pequena serie de historias “de nenos pra nenos” que comparten valores coma a xenerosidade ou a solidariedade. Estas historias hipertextualízanse a través do barco e as súas personaxes, pero cada unha está ben separada e son distintas independentes de facto (de feito, o amor imposible entre Crarisca e o Luceiro foi presentado antes da publicación de Mar adiante ao concurso da asociación cultural do Facho). Outra característica desta obra é que as personaxes son reais, pois os tripulantes do barco-escola “Arroás” están inspirados en diversos coñecidos dela: Xose Luís é o seu marido; Suso non é outro que o seu querido ex-alumno Xesús Rábade; e Sara, é a mesma Sara Alonso que nos dá clases de Lingua Castelá no noso instituto. O certo é que Mª Victoria Moreno estableceu vínculos persoais coa familia de Alonso Montero, e Sara, a filla pequena, foi pola que devecía María Victoria e “a primeira rapaza galega que chegou ao seu corazón”, e así o fixo patente na dedicatoria dun exemplar de Mar adiante que lle regalou a unha das súas protagonistas.

 

Un día, Miguel de Portosouril (que constrúe barcos), soña como un mestre lles di aos nenos que os comerá unha gaivota se non aprenden a táboa do sete ao día seguinte. Como é lóxico, os nenos asústanse. Miguel decide entón facer un barco-escola para que os nenos vexan que as gaivotas non os comerán, malia que sexa en soños. Unha mestra, a narradora da obra, embárcase cos cativos na nova e diferente escola do “Arroás”. Á hora das presentacións, estas son as verbas que María Victoria Moreno, ou a mestra, dedica para Sara Alonso:

“Non sei si é nena ou é rata

esta cousiña tan leda

a quen todos chaman Sara”

Casualmente Sara é quen conta a historia máis famosa de Mar adiante, a de Mariquiña e o lobo Garimoso, que persoalmente e aínda que peque de populista (referíndome á falacia ad populum), é a que máis me gusta deste libriño para nenos.

Por certo, a orixe do alcume de “rata” está nos agudos berros que caracterizaban a medoñenta entrada nas augas de Lapamán da cativa Sara.

 

                                                                                                                                                         Samuel   Fernández  4º ESO C