Hora zulú

Hora zulú  Santiago Lopo

 Neste mes de abril comentamos en varios recreos a novela de Santiago Lopo  Hora zulú, Premio García Barros 2012.

Un home –o Profesor- aparece ferido e nu ao pé dun acantilado en Galicia. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é. Ao longo da novela iranse dando pistas para coñecermos o que lle sucede ao protagonista e como é que aparece nas nosas costas. En Hora zulú combínanse textos de orixe e tipo diversos a través dos cales iniciamos unha busca, coma se se tratase dun xogo que o autor nos  propón. Mediante esa orixinal estrutura, Santiago Lopo mantennos intrigados e en tensión narrativa de principio a fin.

Nesta novela Lopo móstranos as súas inquietudes sobre o tempo e a escravitude á que nos condena.  Tamén vemos o seu amor pola terra, a sensibilidade con ela, o ecoloxismo e  o diferente activismo dos personaxes na súa defensa.

A novela está construída como un puzzle no sentido de que se crea unha atmosfera de intriga, de suspense, pois  a historia vai dando aos poucos pistas do que vai acontecer, pezas que hai que ir encaixando para comprender a historia.

Na novela coñecemos o que sucede a través de distintas voces, que se asocian a cada personaxe. O autor emprega diferentes tipoloxías textuais como poemas, informes, textos literarios, cartas… para etiquetar unha voz e asocialas a unha maneira de expresarse.

O libro gustounos moito por diversos motivos:

- engancha dende o principio porque ten intriga e misterio ata o final.

- é moi orixinal ao ir presentando a historia a través de distintos textos que corresponden a  distintos personaxes.

- pola defensa do ecoloxismo e  o tratamento do tema do paso do tempo.

 

                                                                    Pablo P. Carril, Marta, Desirée e  Alba (1º Bac A)

 Resultado de imagen de hora zulu+ Santiago lopo