Persépole (novela gráfica) Marjane Satrapi
O pasado mes de marzo comentamos en varios recreos a novela gráfica Persépole, de Marjane Satrapi.
A obra narra a propia vida da autora desde 1979 (cando tiña dez anos) ata 1994.
Marji nace nunha familia progresista, laica e de clase alta de Teherán e, á diferenza do resto de nenos e nenas da súa idade, é educada ao estilo occidental. Sempre tivo unha considerable inquedanza intelectual.
Tras a revolución islámica e a chegada ao poder deste réxime relixioso, marcha a estudar a Viena, despois regresa á súa cidade a facer Belas Artes para, finalmente, volver a marchar do seu país.
A historia de Marji resultounos moi dura e fíxonos reflexionar sobre a guerra, sobre as diferenzas de clases e os costumes da sociedade islámica, tan distintos e incomprensibles para nós. A autora describe a sociedade iraniana que xorde tras a revolución islámica como moi intolerante e inxusta, sobre todo para as mulleres, que debían levar veo e que eran consideradas inferiores. Asemade fálanos das terribles consecuencias para os que non acatan as novas normas ou pensan de xeito diferente, o que podía conlevar a morte. Política e relixión están unidas neste réxime e deben estar separadas.
Na novela non hai cores, está debuxada en branco e negro e isto provoca tristeza, que é o que nos transmite o libro.
A historia é realista e fíxonos pensar na diferente vida que se pode ter segundo onde nazas.
Daniela, Noelia e Rosalía (2º ESO C)