Vinte mil leguas baixo dos mares

 

Resultado de imagen de Vinte mil leguas baixo dos mares

 

 

Vinte mil leguas baixo dos mares é unha das máis coñecidas obras do importante escritor francés (aínda que os seus estudosos recalcan que Verne aproveitaba as súas engaiolantes aventuras, historias e personaxes, para exercer labores de divulgador científico) Jules Verne, ambientada nos anos 1866, 1867 e 1868. A historia comeza cando na alta sociedade francesa do século XIX  se produce unha grande algarada debido aos frecuentes testemuños de mariños que afirman terse topado na alta mar cun monstro xigante, cun farallón fuxidío, cunha embarcación “inimiga” descoñecida...

 

Son estes rumores os que levan ao coñecido profesor de Historia Natural Aronnax a embarcarse na “Abraham Lincoln” dende o peirao de Brooklyn (Nova York) co obxectivo de percorrer o Atlántico na procura do que queira que fose a cousa que estaba a suscitar tantas discusións na sociedade daquela época. É aquí cando, acompañado polo seu leal Conseil (que só se refíre a Aronnax en primeira persoa unha vez ao longo do libro), o profesor coñece a Ned Land, un destacado arpoador franco-canadense que acompañará ao grupo na expedición.

 

Tras varios meses en alta mar, pérdese a esperanza, pero axiña comeza a loita co que resulta ser a nave submarina Nautilus. E froito desta loita os tres protagonistas rematan no interior da nave comandada polo misterioso capitán Nemo. Este home, de procedencia descoñecida mais inmensamente rico, permitirá a Aronnax, Conseil e Ned Land estar con total liberdade dentro do seu navío, e esta condición só é interrompida durante unhas horas por unha situación de emerxencia para a que o capitán lle píde consello médico ao profesor.

 

Na estrutura desta apaixonante novela pódense facer dúas clasificacións distintas. Unha é a clásica organización en introdución, nó e desenlace, pero tamén se poden distinguir dúas partes que están ben diferenciadas: na primeira gózase da viaxe no Nautilus sen preocuparse máis do necesario noutras cuestións que non sexan os estudos mariños ou o entretemento, e a segunda céntrase case exclusivamente na busca da liberdade definitiva por tódolos medios. O resultado desa misión terédelo que descubrir vós lendo Vinte mil leguas baixo dos mares.

 

Recomendo con moito agarimo a lectura desta obra esencial do “divulgador” Verne para descubrir o incrible funcionamento do Nautilus (practicamente inaudito no século XIX), o encontro dos protagonistas con tribos salvaxes da Papuasia, bosques e cemiterios submarinos de “propiedade privada”, o paso pola nosa baía de Vigo (do que se veñen de cumprir 150 anos no pasado mes de febreiro), o achegamento á celebérrima Atlántida, unha intensa loita cun polbo, ou os perigos do xeo no Polo Sur, e, por suposto, para dar a volta ao mundo baixo dos mares.

 

Samuel Fernández Torre 4º C