O xoves 8 de febreiro reunímonos no recreo para falar do libro de Patrick Ness Un monstro vén a verme. Esta novela conta como vive un rapaz de trece anos a doenza da súa nai enferma de cancro. Conor, o protagonista, pasa por unha etapa moi complicada e o mundo real vólveselle máis serio do que pensaba.
O libro ao principio resultounos un pouco complicado e algo lento. Cremos que o monstro, figura creada pola imaxinación de Conor, e que o visita polas noites, é unha segunda personalidade do rapaz que aparece para facelo reflexionar sobre as situación da vida. O monstro, a través das historias que lle conta, axuda a que Conor acepte a terrible realidade que lle toca vivir e a comprender que esta non sempre é feliz.
É un libro cargado de tristeza porque Conor non acepta a situación da enfermidade da nai e tampouco a axuda da avoa e dos que o rodean. Parécenos un libro realista e á vez fantástico. A enfermidade da nai marcará na novela un momento de tránsito: o final e o comezo dunha nova etapa que o protagonista vive coa axuda do monstro (“a árbore da vida").
O libro é duro pero interesante e recomendaríamolo para entender que pode pensar e sentir calquera persoa nesa situación.
Daniela Oliveira, Rosalía van Raaj e Noelia Carollo de 2º da ESO.