"Todos deberíamos ser feministas" de Chimamanda Ngozi Adichie

    O pasado venres 19 de xaneiro de 2018 xuntámonos no recreo para comentar este libriño.
    Valoración unánime: “Encantoume”. A uns porque nos reafirmou no que xa pensabamos, a outros porque nos axudou a ver as cousas de maneira máis clara, porque afonda na cuestión de forma moi comprensible,  tamén porque presenta a situación dunha maneira cómica ou desenfadada, sen acritude…
    Hai quen ataca as feministas por non defender tamén os dereitos dos homes pero estes, en comparación, téñenos bastante ben consolidados.
    Valoramos moi positivamente esta lectura e todos os participantes nesta sesión consideramos que segue habendo moitos prexuízos na sociedade, herdeira dun modelo absolutamente patriarcal.
      Na vida cotiá experimentamos situacións nas que aflora a infravaloración da muller, á que sempre se lle adxudican, en xeral, certas tarefas “indignas” para os homes; sen que esteamos na África da mocidade da autora, nós mesmas somos as encargadas “naturais” de prepararlle o bocadillo, facerlle a cea ou coidar do noso irmán pequeno, así como dos membros maiores da familia cando é necesario.
    É visible a desigualdade tamén na existencia de xoguetes sexistas e na promoción que se fai destes, nos catálogos e nos anuncios na TV, moitas veces incluíndo información subliminal que sempre relega a muller a moi determinados papeis.
    A mesma discriminación atopámola na escola, por exemplo, cando as nenas queremos participar no equipo de fútbol ou nos momentos de ocio se a nosa opción non é unha boneca senón un coche teledirixido.
    Obviamente, a diferenza de salario por un mesmo traballo é inaceptable. Aínda queda moito por conquistar nese campo.
    Isto sucede arestora. Polo tanto, temos que seguir loitando porque queda moito por conseguir.
   

Daniela, Diego, Noelia e Rosalía (2º ESO-C)