HORA DE LER - Jules VERNE, "Vinte mil leguas baixo dos mares" (capítulos XI, XII, XIII e XIV)

Capítulo XI. O Nautilus                                   

          O capitán Nemo levantouse e eu seguino. Unha dobre porta situada ao fondo da sala abriuse e entrei na biblioteca. Mobles altos de palisandro  negro, con incrustacións de cobre, soportaban nos seus anchos andeis un gran número de libros encadernados de xeito uniforme. Seguían o contorno da sala e remataban na súa parte inferior nuns amplos diváns, tapizados con coiro marrón, con cómodos asentos. Uns lixeiros pupitres móbiles, que podían achegarse ou separarse a vontade, servían para colocar o libro que se estivese a ler. No centro había unha gran mesa, chea de publicacións, entre as que aparecían algúns xornais antigos. A luz eléctrica, que saía de catro globos deslustrados e semiencaixados nas volutas do teito, inundaba este harmonioso conxunto.
          - Aquí ten seis ou sete mil volumes...
          - Doce mil, señor Aronnax. Son os únicos lazos que me unen á terra. Pero o mundo rematou para min o día en que o meu Nautilus mergullou por primeira vez baixo das augas.
          Nos andeis da biblioteca  había moitos libros de ciencia, de moral e de literatura, escritos en todas as linguas.  Entre estas obras, atopei as obras mestras dos grandes autores clásicos e modernos, é dicir, todo o mellor que a humanidade produciu na historia, na poesía, na novela…  Así e todo, a ciencia era a raíña desta biblioteca; os libros de mecánica, de balística, de hidrografía, de meteoroloxía, de xeografía, de xeoloxía, etc., ocupaban nela un lugar non menos importante que as obras de historia natural e comprendín que constituían o principal  obxecto de estudo do capitán. Alí vin todas as obras de Humboldt,  de Arago, os traballos de  Tyndall, de Faraday…  Entre as obras de Ioseph Bertrand, a titulada Les Fondateurs de l´Astronomie deume incluso unha data de referencia; como sabía que esa obra aparecera no 1865, puiden intuír que a creación do Nautilus non era dunha época posterior. Así, pois, había tres anos polo menos que o capitán Nemo comezara a súa existencia submarina.
          Pasamos despois a un salón inmenso. Aquela sala era un museo no que reunira tesouros da natureza e da arte. Había obras de pintura moderna e unhas admirables estatuas.
          -Señor -respondinlle-, sen que trate de saber quen é, podo recoñecer en vostede un artista?
          -Un afeccionado, como moito, señor. Antano gustaba de coleccionar estas belas obras creadas pola man do home.
          - E estes músicos? –pregunteille sinalando unhas partituras de Weber, Rossini, Mozart, Beethoven, Haydn… espalladas sobre un órgano.
          - Estes músicos  -respondeume o capitán Nemo- son contemporáneos de Orfeo, xa que as diferencias cronolóxicas se borran na memoria dos mortos, e eu estou morto!
          O capitán Nemo calou. Respectei aquel silencio e continuei observando  curiosidades que enriquecían aquel salón. Ademais das obras de arte, as curiosidades naturais ocupaban un lugar moi importante. Principalmente, eran plantas, cunchas e outros produtos do océano, que debían ser os achados persoais do capitán Nemo. Alí vin unha colección dun valor inestimable e non tería tempo para describila por completo.
          - Comprendo, capitán, comprendo esta ledicia de pasearse polo medio de semellantes riquezas.  Pero se esgoto a miña admiración por ela, que me quedará para o barco que a transporta! Non quero coñecer os segredos que lle pertencen! Así e todo, confeso que este Nautilus, a forza motriz que agocha, os aparellos que permiten as súas manobras, a poderosa forza que o impulsa, todo isto excita a miña curiosidade. Vexo nas paredes deste salón instrumentos colgados dos que descoñezo o seu uso. Podo saber…?  Só lle preguntarei sobre a finalidade destes instrumentos de fisica...
          -Señor profesor, estes mesmos instrumentos están no meu camarote, e será alí onde terei o pracer de explicarlle o seu uso. Pero antes veña visitar o camarote que ten reservado. Debe saber como vai estar instalado a bordo do Nautilus.
          Seguín o capitán Nemo, quen, por unha das portas abertas en cada panel cortado do salón, me fixo volver ao corredor do barco. Conduciume e de fronte non atopei un camarote, senón un elegante cuarto, con cama, aseo e outros mobles.
          Deille as grazas ao meu anfitrión.
          O capitán Nemo mostroume unha cadeira.
          -Sente, por favor -díxome.

          Sentei, e el tomou a palabra nestes termos:

Capítulo XII