Acto de inauguración Aula Exterior Francisco Fernández del Riego

O IES Castelao inaugurou unha aula exterior na honra de Francisco Fernández del Riego cun acto no que non puideron faltar o folclore, a lingua galega e o positivismo do que tanto presumía o falecido escritor

A pesar de que Francisco Fernández del Riego, ou como todos os seus achegados o coñecían, Don Paco, non desenvolveu a súa actividade docente no IES Castelao,  para este céntrico instituto de Vigo converteuse nunha figura tan presente como Ramón Fonte (que foi profesor nel) ou Xela Arias (que foi alumna neste centro do Calvario). A razón? Un grupo de docentes e alumnos, liderados por Ramón Nicolas –autor dunha das biografías máis completas de Del Riego e académico correspondente da RAG–, elaboraron unha exposición adicada ao homenaxeado polo Día das Letras Galegas, premiada pola Xunta e recoñecida a nivel autonómico.  Un traballo que deixou unha fonda pegada no alumnado, que poido coñecer “quen era realmente Don Paco”, e que cuxo premio o equipo directivo do instituto decidiu adicar á construcción dunha aula exterior que leva o seu nome.

Porque, como dixo Ramón Nicolás no acto de inauguración de dita aula celebrado onte,  “Don Paco fixo da docencia unha forma de ver a vida e exercía a docencia no seu día a día”. O profesor do IES Castelao gabou o traballo de compañeiros e alumnos, que “fixeron unha interpretación particular e persoal da figura de Del Riego” e agradeceu a colaboración do equipo directivo, co que “sempre podo contar para este tipo de proxectos culturais”.

No acto estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da RAG Víctor Freixanes, a secretaria da Fundación Penzol Malores Villanueva e representantes políticos como o voceiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Parte do alumnado de 1º de Bacharelato, que ateigou o paraninfo do centro adicado a Xela Arias, aportou a nota musical con cancións como “Chea de vida” ou “A miña burriña”. A agrupación tradicional do Calvario ‘O Fiadeiro’ tamén tivo o seu lugar nun evento no que, de entre todas as facetas de Don Paco que se lembraron, destacou por riba de todas a do positivismo.

“Non sexades pesimistas, o pesimismo é reaccionario”, apuntou Víctor Freixanes citando ao homenaxeado. O presidente da RAG tamén aproveitou para adicar unhas verbas aos rapaces do IES Castelao despois de gabar o seu traballo lembrando a figura de Francisco Fernández del Riego: “O mundo é voso, non renunciedes a el”.

O de onte foi, ademais, un día especial para celebrar este acto, pois cumplíanse 63 anos do ingreso de Don Paco como académico numerario da RAG.

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Inauguración Aula Exterior Francisco Fernández del Riego