Ano internacional da táboa periódica

A UNESCO estableceu 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica.

Neste contexto, a Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela, organizou un concurso de carteis sobre “A Táboa Periódica e Galicia”.

Tres alumnos deste centro, de 1º de bacharelato B, Álvaro Aira Guerrero, Emma López Prado e Xoel  Moure Rivera animáronse a participar, cun cartel realizado sobre o sodio, contando coa colaboración dos profesores Marta Álvarez Pérez e Antonio Giráldez Lomba, sendo titorizados por Isabel Acuña Mata.
O seu cartel foi seleccionado entre os 30 mellores. O 24 de maio  fíxose unha exposición dos mesmos na Facultade de Química de Santiago, e nun acto que tivo lugar na Aula Magna entregáronlles os diplomas que acreditaban a súa participación na elaboración do cartel premiado, así como unha caixa con material para o laboratorio de química do Instituto.

Esta actividade e moitas outras realizadas dende moi diversas instancias contribúen a conseguir un dos obxectivos de declarar o 2019 “Ano Internacional da Táboa Periódica”: a súa difusión entre un público máis amplo.

Outro dos seus obxectivos é recoñecer a función crucial que desempeñan os elementos e a Química no desenvolvemento sostible, aportando solucións a moitos desafíos que afronta a sociedade no seu conxunto.

Se alguén se pregunta por que foi escollido este ano como “Ano Internacional da Táboa Periódica”, dicir que se cumpren 150 anos do seu establecemento, polo químico ruso Dimitri Mendeléiev. Outros feitos conectados directamente coa táboa periódica, que se conmemoran este ano son:

  • O Illamento de arsénico e antimonio por  Jabir Ibn Hayyan, fai uns 1200 anos
  • O descubrimento do fósforo fai 350 anos
  • A publicación dunha lista de 33 elementos químicos clasificados en metais, non metais e gases por Lavoisier, en 1789.
  • O descubrimento do francio por Marguerite Perey en 1939.

A Táboa Periódica é un fito científico e cultural que alumea o noso presente e propón novos retos ao futuro.