Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Departamento de Bioloxía e Xeoloxía

Estudantes e profesorado do IES A Sangriña xunto a persoal investigador da Universidade de Vigo avaliarán o estado ambiental da zona costeira da Guarda

O mércores 3 de abril o alumnado que forma parte do grupo de bacharelato de excelencia científico-tecnolóxico (STEMBach) do noso centro desprazouse ata o Campus da Universidade de Vigo para visitar o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico para a Investigación (CACTI) e realizar a primeira sesión de traballo cos seus titores universitarios.

O programa STEMBach coordinado e dirixido por Juan Hermida (Profesor de Bioloxía), Edita López (Profesora de Física e Química) e Emilio Fernández (Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo) ten por obxectivo avaliar a calidade ambiental da costa da Guarda para o que se levarán a cabo diversos proxectos de investigación en diferentes campos. Un total de 11 profesores, profesoras, investigadores postdoctorais e doctorandas da Universidade pertencentes ás Facultades de Ciencias do Mar e Bioloxía e á Escola de Inxenería de Minas e Enerxía, realizarán os labores de titorización dos 10 proxectos de investigación que se están a levar a cabo no IES A Sangriña.

Xornadas STEMbach de Galicia

«O pasado martes 27 de novembro acudimos á nosa primeira xornada de convivencia cos outros 15 centros STEM de Galicia. Asistimos ao Palacio de Congresos e Exposicións en Santiago co obxectivo de recibir información mediante relatorios sobre divulgación científica. A xornada consistiu en tres charlas, a primeira delas impartida por Deborah García Bello, química e divulgadora científica, acerca do método científico, a importancia do espírito crítico e as actitudes científicas, enfatizando sobre todo na importancia e na veracidade do experimento. Na segunda charla, a periodista Rocío Pérez Benavente, participante do blog “Maldita Ciencia” tratou a desinformación científica, as falsas noticias sobre ciencia e a análise das fontes de información. Finalmente, a matemática e divulgadora científica Marta Macho Stadler, falounos sobre a actividade feminina na ciencia a través da historia, resaltando a situación de desigualdade que teñen as mulleres neste campo aínda hoxe en día e dándolle importancia a ter referentes femininos, poñendo exemplos de pioneiras tales como Marie Curie, Florence Nightingale ou incluso remontándonos aos tempos de Hipatia de Alexandría. Como ela afirmou “unha boa ciencia non pode selo sen diversidade”. No medio destas conferencias tivemos un tempo para coñecer e intercambiar experiencias con outros alumnos e alumnas embarcados neste mesmo proxecto. Citando a Deborah García, e para resumir a xornada: “cantas máis cousas sabemos, mellores decisión tomamos”.»

STEMbach, o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

 

O noso centro é un dos catorce institutos galegos que imparten o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) este curso, bacharelato que busca espertar vocacións científicas e que desenvolve unha metodoloxía enfocada á universidade.

Este enlace poñeravos en contacto co blog do proxecto: http://stembach.blogspot.com/

II XORNADAS DE MEDIO AMBIENTE

 
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut