Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Departamento de Bioloxía e Xeoloxía

ALUMNADO DE 1º DE ESO PERCORRE A CONTORNA

O pasado xoves 23 de febreiro o alumnado de 1º da ESO saíu a coñecer a súa vila e a súa contorna. Fixo paradas en edificios que contan a historia máis recente, coma o cemiterio da Guarda ou o Colexio dos Xesuítas e outras que lembran a nosa historia máis antiga coma as salinas romanas. Non faltou a camiñada polo senda litoral para coñecer a fauna e a flora que nos rodea. Finalizouse a visita cun xogo de pistas no Porto da Guarda no que o noso alumnado puxo en práctica todos os seus coñecementos sobre a vila.

VISITA AO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE COTOBADE

O pasado venres 3 de febreiro o alumnado de 4º da ESO visitou o observatorio astronómico de Cotobade. Guiados polos membros da Asociación Astronómica Sirio, puideron admirar espectaculares imaxes da Lúa como nunca antes a viran. Tamén descubriron a Venus, Marte e Xúpiter en todo o seu esplendor. Aprenderon a distinguir algunhas das constelacións que adornan o ceo nocturno e a orientarse segundo a posición da Estrela Polar. Grazas á pericia dos guías e aos medios técnicos empregados (punteiros láser sinalando as estrelas, prismáticos e telescopios de excelente calidade, cúpula orientable...) era moi fácil localizar os obxectos máis interesantes e entender as explicacións. Foi emocionante ver as famosas estrelas expostas na Rede no seu lugar no ceo, tan preto de nós...as xigantes Aldevarán e Pollux; a impresionante xigante vermella Betelgeuse, de cor alaranxada; e a tamén xigante Rigel, pero azul neste caso. O observatorio astronómico construíuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia e mantense polas aportacións dos visitantes que, coma nós, reservan cita para asistir a este impresionante espectáculo. Mil grazas aos membros de Sirio pola súa dedicación.

OBRADOIROS PARA A ELABORACIÓN DUNHA POMADA

Boa parte do alumnado de 4º participou este trimestre nun obradoiro para a elaboración de pomadas e durante unhas horas o noso ximnasio converteuse nunha intersante botica, como podedes ver nas fotografías.  

Esta actividade foi organizada no ámbito dos CONTRATOS-PROGRAMA (liña INNOVA: ámbito de Educación para a Saúde).

Educación emocional, os perigos das redes ou un roteiro botánico: as actividades complementarias de finais de marzo

Ao longo da semana pasada, o alumnado de 1º de ESO e o alumnado de 1º de FPB participaron nun obradoiro de educación emocional impartido pola psicóloga Carina Alonso Crespo, organizado dentro dos Contratos-Programa, na liña Inclúe, no ámbito Educación Emocional.

O xoves, a profesora de Dereito Penal da Universidade de Vigo Marta García Mosquera faloulle a boa parte do alumnado de 1º de Bacharelato sobre “Os delitos que se agochan nas redes sociais”.

O venres, o alumnado de 4º de ESO realizou un roteiro de plantas silvestres da contorna da Sangriña, guiado por César Lema, doutor en Bioloxía, organizado polo Departamento de Bioloxía no ámbito dos Contratos-Programa na liña INNOVA: ámbito de Educación para a Saúde.

Distribuir contido


by Dr. Radut