Skip to Content

Estudantes e profesorado do IES A Sangriña xunto a persoal investigador da Universidade de Vigo avaliarán o estado ambiental da zona costeira da Guarda

O mércores 3 de abril o alumnado que forma parte do grupo de bacharelato de excelencia científico-tecnolóxico (STEMBach) do noso centro desprazouse ata o Campus da Universidade de Vigo para visitar o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico para a Investigación (CACTI) e realizar a primeira sesión de traballo cos seus titores universitarios.

O programa STEMBach coordinado e dirixido por Juan Hermida (Profesor de Bioloxía), Edita López (Profesora de Física e Química) e Emilio Fernández (Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo) ten por obxectivo avaliar a calidade ambiental da costa da Guarda para o que se levarán a cabo diversos proxectos de investigación en diferentes campos. Un total de 11 profesores, profesoras, investigadores postdoctorais e doctorandas da Universidade pertencentes ás Facultades de Ciencias do Mar e Bioloxía e á Escola de Inxenería de Minas e Enerxía, realizarán os labores de titorización dos 10 proxectos de investigación que se están a levar a cabo no IES A Sangriña.

Estes proxectos, que se desenvolverán de acordo cos criterios de calidade científica propios das investigacións de nivel universitario, abranguen un amplo espectro de disciplinas e céntranse no estudo das evidencias do cambio climático a partir dos datos rexistrados na zona, no uso de organismos para a detección de contaminación de orixe químico, na detección de bacterias degradadoras de petróleo, da contaminación orgánica de orixe humano, da alteración do ecosistema costeiro e a desaparición dalgunhas das súas especies e do estudo das características xenéticas de especies relevantes da zona.

O IES A Sangriña, xunto con outros 13 centros do resto de Galicia, forma parte do reducido grupo de centros nos que a Consellería implantou, para o bienio 2018/2020 e de xeito experimental, o programa STEMBach.



story | by Dr. Radut