Skip to Content

Blogues

Primeiro posto na Clasificación Xeral Galega da Olimpíada de Química para Mateo Pérez

O noso alumno Mateo Pérez acadou hoxe un dobre galardón que se suma aos múltiples recoñecementos obtidos nos últimos tempos e derivados da extraordinaria calidade do seu traballo. Non só se converteu no gañador da Olimpíada de Química (celebrada o pasado 18 de marzo) na demarcación da Coruña, senón que lidera tamén a clasificación xeral correspondente á totalidade do ámbito autonómico. Mateo ocupa, polo tanto, o primeiro posto de entre os 126 candidatos que competiron na Olimpíada galega de Química. A esta distinción hai que engadir un éxito semellante na recente Olimpíada de Física, onde logrou tamén a medalla de ouro. Estes resultados garántenlle a participación directa na fase nacional das dúas disciplinas: a de Física, que terá lugar o vindeiro 29 de abril, e a de Química, que se celebrará o 8 de maio.

Trátase dunha dobre victoria sen precedentes na historia do noso centro, que o IES Agra de Raíces vive con emoción, pero tamén cunha infinita confianza depositada nas elevadísimas capacidades de Mateo, na súa incansable forza de vontade, na súa destreza para aplicar os coñecementos adquiridos a situacións completamente novas e no aplomo co que se enfronta a cada reto.

O resultado das probas de Química chegou ao IES Agra de Raíces de súpeto, no transcurso da última clase da mañá, que se viu interrompida por unha interminable ovación, exultantes vítores e efusivas felicitacións de todos os alumnos de 2º Bacharelato. Os estudantes das dúas aulas festexaron con verdadeira ledicia o trunfo de Mateo, que vai moito máis alá do plano académico. A brillantez indiscutible que demostra en cada materia extrapólase tamén aos ámbitos persoal e social. Mateo é extraordinariamente querido polos seus compañeiros debido á súa amabilidade, xenerosidade, camaradería e humildade. Todos os que o coñecemos estabamos seguros de que este ansiado primeiro posto chegaría, agás el mesmo, que contempla cada desafío conseguido coa sorpresa e a candidez de quen loita por todo, pero non espera nin dá nada por sentado.

Os parabéns do centro fanse tamén extensibles á nosa compañeira e xefa do departamento de Física e Química, María José Pena, que dedicou longas horas de traballo á formación, preparación e seguimento de Mateo en ambas disciplinas. Os dous lograron construír un vínculo sumamente estreito que se viu aínda máis solidificado polas cualidades que comparten. A seriedade que María José imprime ao seu traballo, a procura da excelencia, a súa sistematicidade á hora de pensar e actuar e a calidade que se autoesixe a diario fronte aos seus alumnos entroncaron directamente co entusiasmo, o esforzo e o talento de Mateo.

Parabéns aos dous por este éxito dobre, tan merecido, porque, como dicía Baltasar Gracián, saber e saber demostralo, con tesón e humildade, é valer dúas veces.

Listaxe provisional de novo alumnado admitido para o curso 2022-23

 Tras a finalización do período de presentación das solicitudes de admisión de novo alumnado para o curso 2022-23, comunicamos que todos os/as estudantes que tramitaron a súa incorporación ao centro en tempo e forma integran a listaxe provisional de admitidos para o vindeiro período lectivo.

Primeiro posto para Mateo Pérez nas Olimpíadas de Física

O noso alumno Mateo Pérez (2º BAC) acadou o primeiro posto na fase autonómica das Olimpíadas de Física, celebradas o venres, 4 de marzo, na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.

O IES Agra de Raíces desexa expresar os seus máis efusivos parabéns a Mateo Pérez por lograr este galardón que lle brinda o pase directo á fase nacional. Trátase dun merecido recoñecemento ao tesón co que o noso alumno se enfronta a cada materia, na procura dunha excelencia que demostra a diario nas aulas. Noraboa, Mateo, por este éxito sen precedentes, produto da brillantez, a forza de vontade, o esforzo e o traballo constantes que demostras ante cada reto! O IES Agra de Raíces non pode estar máis orgulloso de ti!

Ademais, o centro non quere deixar pasar a oportunidade de felicitar tamén á nosa compañeira María José Pena, xefa do departamento de Física e Química e preparadora de Mateo, por dedicar a esta iniciativa longas horas de traballo e formación, por trasladarlle os seus coñecementos co rigor e a seriedade que amosa cada día nas súas clases e por compartir con el o entusiasmo polo traballo ben feito e pola convicción de que, con esforzo, se poden acadar as metas propostas.

Parabéns, Mateo, e moita sorte no seguinte desafío: a Olimpíada de Química, que terá lugar o vindeiro venres, 18 de marzo!

Obradoiros de Diversidade afectivo sexual

Este luns veu ao noso centro Rubén Alexandre Barral do departamento Sexpoint da asociación Casco, acompañado de Astrid Merceron e Aarón Zas para impartir uns obradoiros de Diversidade afectivo sexual para o alumnado de 1º de Bacharelato.

Ademais debemos agradecerlles que fixeron a doazón de dous libros e un comic sobre o feminismo e a diversidade afectivo sexual para a nosa biblioteca a Lara Trillo do Contrato-Programa Iguala-t e a Ana Porteiro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade.

  

PREMIO DA EXCELENCIA POLA MELLOR NOTA DE ADMISÓN DA NOSA ANTIGA ALUMNA CARLA BERBIA

A nosa antiga alumna Carla Berbia que titulou no 2021 ven de recibir o PREMIO DE EXCELENCIA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA Á MELLOR NOTA DE ADMISIÓN dentro do Programa de simultaneidade do Grao de Enxeñaría mecánica e o Grao de Enxeñaría naval e oceánica.

Parabéns Carla.

Participación de Mateo Pérez (2º BAC) nas Olimpíadas de Física e de Química

Este venres, 4 de marzo, o alumno do IES Agra de Raíces Mateo Pérez (2º BAC) participou na fase autonómica das Olimpíadas de Física, que se celebraron na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. Así mesmo, Mateo competirá tamén nas Olimpíadas de Química, que terán lugar o vindeiro 18 de marzo. 

O IES Agra de Raíces desexa expresar a maior das súas satisfaccións pola iniciativa encomiable de Mateo e da súa profesora e preparadora, María José Pena. Ambos estiveron a realizar un intenso labor formativo ao longo dos últimos meses, dada a dificultade conceptual e práctica que as dúas probas entrañan. Grazas a María José Pena polas intensas horas de dedicación á preparación destas Olimpíadas e a Mateo polo seu incansable afán de superarse cada día. 

Parabéns a ambos polo seu traballo a prol da calidade derivada do esforzo continuado!

Admisión de solicitudes de reserva de praza dos centros adscritos para o curso 2022-23

Tras a finalización do período de reserva de praza para o curso 2022-23 do alumnado procedente dos centros adscritos ao IES Agra de Raíces, comunicamos que todas as solicitudes entregadas foron debidamente rexistradas. Asimesmo, recordamos que o proceso de presentación das solicitudes de admisión comezará hoxe, 1 de marzo, e rematará o 21 do mesmo mes. 

O IES Agra de Raíces co Carballo do banquete de Conxo

O noso centro sumouse á campaña que busca acadar o título de Árbore europea do ano para o Carballo do banquete de Conxo favorecendo ás votacións. Aínda estamos a tempo de votalo ata o 28 de febreiro.

 

 

Dioramas do alumnado de 1º ESO

O alumnado de 1º de ESO na asignatura de Plástica que imparte Mercedes Seoane ven de realizar unha serie de dioramas nos que nos amosan todo a súa arte en varias épocas históricas.

Están expostos no noso centro.

 

Charla de alumnos de 2º de Bacharelato do curso pasado

 

Este venres recibimos a visita de Alejandro, Laura e Tania, alumnos que se graduaron o curso pasado e que viñeron a darlles unha charla ao alumnado que está facendo actualmente 2º de Bacharelato.

 

Contaronlle a súa experiencia nas ABAU, como matricularse, como foi a preparación, e o desenvolvemento das probas. Finalmente anticiparonlles un pelín a vida universitaria e o funcionamiento desta.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut