Skip to Content

Blogues

A nosa alumna Lúa Iglesias gaña a XIX edición do concurso de poesía ANOMAR

A nosa alumna Lúa Iglesias de 1º de Bacharelato, resultou ser a gañadora da XIX edición do concurso de poesía ANOMAR que cada ano organiza a Asociación Recreativa e Cultural dos Tilos.

Parabéns Lúa e velaquí tendes o seu poema para que o poidades desfrutar.

Xúrovos que está dentro de min.
É ela, estou segura de que é ela
a que se unirá a min con lazos de sangue
dende a vida ata a morte,
preseguíndome sempre.

É o meu punto de partida nos finais sen rematar.

Dende que teña á Lúa desfacéndoseme nos dedos
ata que todo o seu peso se asente na miña pel,
maltratándoa e deixando cicatrices sobre ela.

Dende que os meus pulmóns collan milleiros de folgos de xasmín
ata que se fagan tan diminutos que o aire non me chegue,
pedindo auxilio
deixándome aterrorizada.

Ámoa, ámoa tanto...

Tanto que me fago invisible
a cada segundo que intenta xogar ás agochadas,
loitando cos seus monstros
e se fai responsable de todas as miñas extremidades,
de cada exhalación que pola miña boca sae.

Tanto que somos imparables.

Tan inseparables que nos vemos moi de vez en cando.
Tanto que choro cando sae do meu corpo
e volvo a ser dona de min mesma.
Tanto que me asusta cando aparece.
Tanto que me paraliza cando marcha.
Tanto que me treme a alma.
Tanto que me move.
Tanto que me pode.
Tanto que me fala.
Tanto que me toca.
Tanto.

 

Obradoiros pola igualdade para o alumnado de 3º ESO

O luns 28 de novembro o alumnado de 3º de ESO participOU nos obradoiros Men can do it e As mozas son guerreiras impartidos pola asociación Aventeira dentro do programa Lentes Violetas e promovidos polo Contrato Programa Iguala-t.


 

Actos o 25 N

O 25 de novembro o noso Centro sumouse aos Actos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

  • Leuse un Manifesto contra esta lacra da nosa sociedade
  • Alumnado da biblioteca acordouse das vítimas cunha representación
  • Lectura duns poemas
  • Presentación da nova pancarta que loce no noso patio
  • Minuto de silencio

25 N 2023

 

 

Magosto no Agra de Raíces

O 14 de novembro puidemos recuperar a Festa do Magosto despois de dous anos nos que o Covid non o fixo posible.

Xuntámonos toda a familia do Agra de Raíces para asar castañas e papamolas con gusto.

Tamén tivemos tempo de disfrutar con xogos populares, en resumo, pasamos unha boa tarde.

Magosto 2020

PROCESO DE RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR 2022-23. CALENDARIO

O Consello Escolar é un órgano de participación moi importante porque permite que os distintos sectores que conforman a comunidade educativa: profesorado, alumnado, familias e persoal de administración e servizos poidan participar na vida do centro a través dos seus representantes.

Por iso, o equipo directivo do IES Agra de Raíces anima a todos e a todas a participar no proceso de maneira activa, a través das súas candidaturas.

Publicamos o calendario cos días e actos, segundo o recollido na resolución do 19 de setembro de 2022 (DOG 30/09/2022).

 

DIA

ACTO

25 de outubro martes

Sorteo público ás 10:10 h dos integrantes da Xunta Electoral Titulares e Suplentes

28 de outubro

Primeira reunión da Xunta Electoral

Do 2 ao 10 de novembro

Presentación de candidaturas. Remata o prazo ás 12:00 horas.

10 de novembro

Sorteo público para a designación dos membros das mesas electorais.

11 e 14 de novembro

Reclamación ata ás 12:00 horas á reclamación das candidaturas.

Do 16 ao 25 de novembro

Campaña electoral

28 de novembro

Votacións para a elección dos representantes do Consello Escolar Horario: de 8:30 a 14:05 alumnado

de 16:00 -16.30 pai/nai ou titor/a

de 14:05 -14:30 profesorado

29 de novembro

Proclamación dos candidatos electos

7 de decembro

Constitución do Consello Escolar

12 de decembro

Envío á Xefatura Territorial do formulario que se publica como anexo II, segundo a Resolución do 19 de setembro de 2022 DOG. 30/09/2022

 

Programa O Mes da Fundación

Un ano máis o noso centro participou nas actividades encadradas dentro do Programa O Mes da Fundación, organizado pola Fundación Fernando Blanco de Cee durante o mes de outubro.

Nesta ocasión foron:

ALUMNADO DE 1º BACHARELATO: MÉRCORES 19 OUTUBRO (12 HORAS. CASA DA CULTURA DE CEE). CONFERENCIA “O NOSO LUGAR NO UNIVERSO”, CO DIRECTOR DO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE TREVINCA ÓSCAR BLANCO.

 ALUMNADO DE 1º ESO: VENRES 21 OUTUBRO (12 HORAS. CASA DA CULTURA DE CEE). CONFERENCIA “O MAR NON SE ACABA. O MAR HAI QUE COIDALO” CO MARIÑEIRO E DIVULGADOR ROGELIO SANTOS QUEIRUGA.

 

PROCESO DE RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR 2022-23 CIRCULAR: SORTEO DE MEMBROS QUE CONSTITUIRÁN A XUNTA ELECTORAL.

 De conformidade co establecido na Resolución do 19 de setembro de 2022 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos (D.O.G. 30/09/2022), realizarase proximamente neste centro a renovación parcial dos membros do Consello Escolar. Corresponde este curso escolar renovar 2 alumnos/as, 2 pais/nais ou titores legais (un deles será o que represente á ANPA) e 5 profesores/as. A organización e supervisión do procedemento de elección dos novos membros do Consello Escolar estará a cargo da Xunta Electoral, que se constituirá ao efecto, e estará integrada por:

  •  A directora do centro.
  • Un profesor ou profesora.

  • Un pai ou nai ou titor legal.

  • Un representante do persoal de administración e servizos. (PAS).

  • Un alumno ou alumna.

 Os catro últimos serán designados por sorteo segundo establece o artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, conforme ao establecido na disposición adicional primeira do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, (DOG do 9 de agosto). Dito sorteo será público e terá lugar na Sala de Profesores do centro o día 25 de outubro ás 10:10h.

              Aqueles membros da comunidade educativa que desexen presentar a súa candidatura para formar parte do novo Consello Escolar deberán seguir as instrucións que figurarán nas distintas convocatorias que proximamente se farán públicas pola Xunta Electoral do Centro.

 

 

AMPLIACIÓN DA AXUDA PARA ADQUIRIR MATERIAL ESCOLAR REGULADA NA ORDE DO 29 DE ABRIL DE 2022

No Diario Oficial de Galicia do día 14 de outubro de 2022 publicouse a Resolución do 5 de outubro de 2022 de concesión directa da ampliación da axuda para adquirir material escolar, regulada na Orde do 29 de abril de 2022.
Nesta resolución establécese que os beneficiarios do vale para adquirir material escolar por importe de 50€ recibirán un vale adicional de 25€. Así mesmo, o alumnado que se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos ao longo do curso escolar e ata o 31 de marzo de 2023, que perciba a axuda para adquirir material escolar da Orde do 29 de abril de 2022, tamén percibirá esta ampliación.

As familias poderán recollelo no centro educativo a partir do martes 18 de outubro e o vale debe empregarse preferentemente na libraría/establecemento antes do 1 de decembro de 2022.

 

 

 

 

 

O noso exalumno Mateo Pérez Soto ven de engadir outro galardón ao seu xa longo expediente.

O pasado 23 de xuño de 2022 celebráronse os exames para seleccionar os vinte mellores estudantes da nosa comunidade. Dos máis de 400 rapaces presentados – todos eles cunha nota media superior a 8,75-, Mateo acadou un meritorio quinto posto.

Con este premio, Mateo pecha a súa exitosa etapa no noso centro. No último ano participou no seminario internacional “Leer. Iberoamérica lee” celebrado en Madrid en setembro de 2021; nas Olimpíadas Galegas de Física o 04 de marzo de 2022 – nas que acadou o primeiro premio- ; nas Olimpíadas Galegas de Química, celebradas en Santiago o 18 de marzo de 2022 e nas que acadou tamén o primeiro premio; participou na fase nacional das Olimpíadas de Física que tiveron lugar o en abril e nas que obtivo unha medalla de ouro que lle deu o pase ás Olimpíadas Internacionais de Física; e tamén participou nas Olimpíadas nacionais de Química que tiveron lugar en Santiago en maio de 2022 e nas que obtivo a medalla de bronce.

Se ben todos estes premios falan da súa grandeza intelectual, quédanse en nada se os comparamos coa súa excelencia a nivel persoal.

Por todo iso, de parte de toda a comunidade educativa do teu centro, PARABÉNS MATEO!

Matrícula That´s English curso 2022-2023

Informamos de que está aberto o prazo de matrícula para os cursos That´s English.

A matrícula para este curso débese facer na seguinte ligazón.

No noso centro impartiranse os módulos A2 e B2 no seguinte horario:

  • A2.2   martes de 12.25 a 13:15 e mércores de 10:25 a 11:15
  • B2.1   xoves de 11:15 a 12:05  e venres de 9:20 a 10:10

 

IMPORTANTE: AS CLASES DARÁN COMENZO O MARTES 11 DE OUTUBRO NA BIBLIOTECA DO CENTRO

Distribuir contido


by Dr. Radut