Skip to Content

O club do antifás

Este Nadal, recicla, reutiliza e reduce

Para a conmemoración do Nadal (festa celta do Yulé, a chegada da Luz), deseñamos unha performance co ánimo de sensibilizar sobre o abuso de consumo de plásticos nestas datas. O acto consistiu en:

  • Instalación: mostra de 250 bolsas de algodón deseñadas e/ou customizadas polo alumnado de todo o centro. Nelas podía verse unha imaxe e un eslogan (transferidos con prancha ás bolsas) e elementos decorativos feitos a partir de materiais reciclados. As bolsas penduráronse dun sistema de tensores que montamos ex profeso para esta exposición.
  • Montaxe dunha árbore feita con botellas de plástico recicladas.
  • Instalación de alumeado de Nadal arredor das bolsas e da árbore, cun sistema de sensores para prendelo só cando se detecte presenza.
  • Exhibición dun spot de Nadal animando á reconsideración de uso de plásticos ("As Raíñas Magas reducen, reutilizan e reciclan")
  • Xogo interactivo con Kahoot sobre os plásticos, para todo o alumnado do centro.

A performance desenvolveuse o martes 18 de decembro no 2º recreo e contou coa participación de case todo o alumnado e profesorado, arrincando aplausos e risos. Ademais, o posto de Consumo Responsable funcionou ó longo de toda a semana, complementando así a mensaxe que queremos enviar ó noso alumnado.

Pequeno gran triunfo do CdA nos premios Olloboi

O venres pasado, 11 de maio, celebrouse en Boiro a IX edición do Festival Olloboi. Participabamos con 9 pezas, unha boa mostra do traballo intenso que se está a facer nas aulas, e cunha delas (Xa non atendo ó meu amito), fomos finalistas na categoría Montaxe. Estas son as imaxes da nosa participación: galería Flickr.

Pola mañá tivo lugar a Muchachada Matiné: unha experiencia que consiste en facer unha curta baseada nas explicacións que ofrece unha persoa de Boiro, e coa axuda de cineastas e as integrantes da A.C. Unión de Muchachas. Co noso instituto colaboraron Andrés Mahía (guionista, realizador e produtor con Zopilote TV) e Sandra Sánchez (directora e montadora). Da man desta última, o grupo de rapazas e rapaces de 2º (Rita, Ana, Carolina, Lara, Asier, Aitana, Brais, David, Adai) foi recoñecido ex aequo xunto ó IES Fernando Blanco, de Cee, pola peza "O paseo", unha recreación do represaliamento da concellala socialista Bríxida Muñiz. 

O premio consiste en convites para asistir á Gala dos Mestre Mateo do ano que vén.

 

CdA 18

O traballo do CdA do curso 2017/18 entregouse á colaboración cos Proxectas TÍCaras e Alimentación Saudable, e á filosofía de A roda do ano: un repensamento dos nosos hábitos de saúde e ocio, e unha declaración de intencións respecto á volta á natureza.

Este macroproxecto fixo que organizáramos o curso en torno ás 8 festividades celtas, en cada unha das cales colaboramos ou ben na produción ou ben realizando pezas audiovisuais:

  • Samaín: promovimos a elaboración das CURTAS ARREPIANTES, pezas de medo en torno á temática redes sociais que se exhibiron nos recreos da última semana de outubro.
  • Yule: fixemos un pequeno spot animando a que o alumnado adicase máis tempo á xente que o rodea e menos ó consumismo propio das datas de Nadal
  • Imbolc: colaboramos na organización da Semana Sa, celebrando así o espertar da terra
  • Ostara: celebración do amor e as decisións. Aparte de gravar os obradoiros de regueifas, beatbox e videopoemas, publicamos o videoclip Xa non atendo ó meu amigo. Unha peza realizada polo grupo TÍCaras para reflexionar sobre o papel da muller ó longo da literatura galega.
  • Beltaine: mes de danzas e flores, colaboramos no deseño e construción da Casiña dos Maios, cuxa inauguración celebraremos cun videorap sobre a obra de Cunqueiro.
  • Litha: festa de apertura do verán, nela presentamos a peza creada para participar no Festival Audiovisual Olloboi 2018.

Botade un ollo!

 

Club do Antifás

Obradoiro social creativo que se desenvolve os martes a mediodía para alumnado de 2º a 4º. Con el pretendemos aprender a contar historias a través do cine, e aprender a ver cine sen prexuízos.

Gañamos o 1º premio do Certame de curtas Alberte Romero!

A curta “Máis che vale non ser ti”, de Carlos, Alicia, Álex, Elisa, Carla e Sergio, gañou o 1º premio do certame de curtas celebrado na Pobra.

Distribuir contido


by Dr. Radut