Queda-T
MOITO MÁIS SOBRE A AULA MAKER
Continuamos coa presentación de diferentes exemplos das actividades que fai o noso alumnado na "aula maker" durante os recreos dos xoves e venres en primaria e de martes a venres en secundaria.
Como xa comentamos, durante os recreos é un espazo de creación, estudo e xogo en liberdade, baixo o coidado dunha profesora de garda (e unha coidadora se hai presenza de alumnado que o necesite). As actividades durante o tempo de lecer non son dirixidas polo profesorado, senón que xorden espontaneamente da rapazada. Esta mesma aula é empregada polo profesorado no tempo lectivo para facer actividades co material do programa Polos Creativos, por exemplo, con actividades reguladas. Pero nos períodos de lecer predomina a liberdade creativa.
A profesora sitúa diferentes recunchos de actividades, variándoos de cando en vez para motivar o xogo; pero o alumnado é libre de coller outro material dos andeis, ou realizar outras actividades non previstas en absoluto.
É un espazo de inclusión e convivencia, onde o alumnado de diferentes cursos interactua e establece ou reforza amizades, onde se traballa a coeducación, e se abre a posibilidade de desenvolver actividades que non teñen cabida no currículo habitual e que contribúen a evitar o abandono escolar.
Aquí vai unha escolma de exemplos.
DÍA DA PAZ. TRABALLO MANIPULATIVO EN 5º EI
CHEGOU O 30 DE XANEIRO, DÍA NO QUE CONMEMORAMOS O DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA, E NA NOSA AULA DE 5º ED. INFANTIL, TRABALLAMOS ESTA SEMANA DE MOITAS MANEIRAS. UNHA DELAS FOI EMPREGANDO MATERIAL MANIPULATIVO: IMAXES DE SÍMBOLOS DA PAZ E PEDRIÑAS DE CORES. ASIMESMO NOS SERVIU PARA TRABALLAR A LÓXICA MATEMÁTICA: SEPARAR POR CORES, POR TAMAÑOS, FACER SERIES, E TAMÉN PARA COLOCAR POR ENRIBA DO BORDE DOS SÍMBOLOS DA PAZ.
PROGRAMA QUEDA-T
Actuacións
1. QUÉDA-T (Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar).
A Unión Europea establece como prioridade estratéxica para a vindeira década mellorar a calidade, a equidade, a inclusión e o éxito para todos na educación e a formación. O abandono temperán da educación supón unha diminución nas oportunidades socio-económicas do alumnado. Se ben este indicador reduciuse na última década, continúa supoñendo un desafío para as administracións educativas, sobre todo cando se intúen as consecuencias da pandemia da covid-19.
1.1. Descrición da actuación
Co fin de continuar cos esforzos para a prevención e redución do abandono temperán e do absentismo escolar, implementaranse medidas específicas de calquera índole (pedagóxicas, organizativas…) que contribúan ao avance de todo o alumnado, especialmente daquel en situación de vulnerabilidade.
1.2. Obxectivos
a) Identificar as dificultades do alumnado relacionadas co seu estilo de aprendizaxe e desenvolver hábitos e técnicas de traballo intelectual.
b) Mellorar a adquisición das competencias clave no alumnado en risco de abandono escolar temperán.
c) Aumentar as posibilidades de éxito escolar no ensino obrigatorio.
d) Fomentar a participación de todo o alumnado nas actividades do centro, potenciando a motivación e o interese por continuar os seus estudos.
e) Impulsar a coordinación entre organizacións e institucións da contorna para diminuír o abandono escolar temperán.