ANGEL CARRACEDO NO CPI DE CASTROVERDE
CHARLA, CONFERENCIA E TERTULIA CIENTÍFICA
O CPI de Castroverde ten a honra de recibir ó gran científico Ángel Carracedo o día 25 de maio de 2017. Na actualidade dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS) e o Centro Nacional de Xenotipado (Universidade de Santiago), centros que colocou xunto co seu equipo na vangarda mundial da investigación xenética. Ángel Carracedo recibiu o Premio Rei Xaime I, outorgado por un xurado de premios Nobel, ou a Medalla de Ouro de Galicia; foi presidente da Sociedade Internacional de Xenética Forense e é vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal. É catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e participou en investigacións de calado internacional como o Proxecto do Xenoma Humano. O CPI de Castroverde agradece ó profesor Ángel Carracedo o esforzo de desprazarse ata Castroverde e de realizar tantas actividades que sabemos que son contribucións excepcionais para a formación do noso alumnado. |
PROGRAMA DE ACTIVIDADES:
1- Charla e extracción de ADN con nenos e nenas de 3º a 6º de primaria. Poden asistir os familiares interesados. Terá lugar de 10.20 a 11.05 horas no salón de actos do CPI de Castroverde.
2- Conferencia "CSI made in Galicia". Celebrarase no salón de actos do CPI de Castroverde. Asistirá o alumnado de 1º, 2º,3º e 4º de ESO e todos os adultos que o desexen. Terá lugar entre as 11.15 horas e as 12.15 horas
3-Tertulia Científica Dialóxica na biblioteca do CPI de Castroverde"Existe o TDAH?" Asistirá o alumnado de 4º de ESO e están invitados os familiares, profesorado e calquera outra persoa que estea interesada. Terá lugar a partir das 12.35 horas na biblioteca escolar do CPI de Castroverde.
MATERIAL PARA TERTULIA CIENTÍFICA
Achégase a continuación un artigo de Ángel Carracedo para a Tertulia
Curiosidade e creatividade no sistema educativo
Curiosidade e creatividade, son características innatas do ser humano, que son a base da innovación e o motor do progreso da humanidade.
Un dos feitos que máis chama a atención cando se dan charlas a todas as idades é canto preguntan os rapaces pequenos. Están sempre coas mans levantadas facendo preguntas e comentarios de todo tipo. É impresionante a súa curiosidade e, especialmente, a súa espontaneidade. Cos anos empeza a cambiar a cousa, e a partir de 3º ou 4º da ESO resulta xa raro que alguén pregunte. Cos anos se volve a recuperar ese facer preguntas, pero diría eu que no noso país isto sucede máis alá dos trinta.
A semana pasada faleilles a rapaces de todos os cursos da ESO e de bacharelato nun instituto; e alí os sentaron por idades : os máis novos, diante; e os maiores, atrás ; e foi matemático: as preguntas concentrábanse nas primeiras filas e ían diminuíndo para atrás, de modo que xa eran inexistentes nas últimas filas.
Durante un tempo pensei, aplicando o que me pasaba a min de rapaz, que era un problema de timidez e medo ao ridículo propio desas idades –eu era moi coitadiño-, pero vin que no era así noutras culturas, onde moitos seguen, como os rapaces pequenos de aquí, toda a vida; e, aínda máis sorprendente, en Galicia hai algúns mestres que o conseguen cos seus alumnos. Por iso, agora creo que a fin de contas son dinámicas socioculturais que se poden cambiar. Eu poño entusiasmo en todas as miñas charlas pero hai centros –os menos- onde aplauden antes de que acabe para marchar axiña ; outros –a maioría- que, como me pasa cos meus alumnos da Universidade, teño que facer que venzan un intre inicial de inhibición para que se animen a preguntar; e por último, hai algún centro que, cando remato, non queren marchar e seguen preguntando sen parar.
As preguntas son a expresión da curiosidade e temos que facer un esforzo para estimulalas e que os alumnos as fagan. Debemos conseguir que o vexan como algo natural e dese xeito romper a timidez e evitar que os que as fan, igual que os que sacan boas notas, sexan mal vistos ou considerados polos compañeiros como “frikis” ou “pelotas”. Foi paradigmático o que me contestou meu fillo cando estaba en 4º da ESO e o felicitei polas boas notas. Díxome: “Isto das notas non é traballo ningún,o traballo é manter a reputación sacando boas notas”.
A curiosidade tamén hai que fomentala e preguntarse todo o tempo o porqué das cousas. Vaise matando desde que empezamos na escola porque damos por feito que entendemos todo o que nos rodea cando en realidade temos respostas para ben poucas cousas.
O mesmo ocorre coa creatividade. Continuamente estamos a seleccionar un perfil de rapaces con capacidade de traballo (esta sempre é vital), organizados e con moita memoria. Algúns destes son, ademais, rapaces creativos, xa que os hai excepcionais e con moitas calidades. Pero hai tamén outros moitos rapaces creativos, soñadores, dispersos, imaxinativos e que se abstraen con facilidade. Estes nenos, non soamente non son favorecidos polo noso sistema educativo, senón que con frecuencia acaban en fracaso escolar.
Educar non é coma facer sardiñas en lata, todos os rapaces uniformes, producidos ao mesmo tempo. A diversidade é unha realidade: somos diferentes todos, coas nosas calidades e defectos. A diversidade é vital para a supervivencia de calquera especie, pero non sabemos aproveitala no campo educativo como sempre fixo a natureza.
Falei non hai moito cun Premio Nobel alemán e pregunteille por que Suíza e o Reino Unido tiñan máis Premios Nobel por habitante que Alemaña. Contestoume con moita seriedade: “E que alí coidan os imaxinativos e os raros”. E iso é o que nós temos que facer :explotar as potencialidades destes nenos e axudarlles a desenvolvelas. A imaxinación e a creatividade non son defectos, son grandes virtudes e non só para a arte ou a literatura senón tamén para a ciencia e tecnoloxía. Eu diría que son características esenciais dos bos investigadores.
Outro aspecto moi importante a ter en conta é que os rapaces respecten a diversidade nos seus compañeiros e especialmente a dos nenos desfavorecidos. Con ledicia observo como son cada vez máis os centros que acollen a rapaces discapacitados ou con outros problemas. Considero esta integración máis beneficiosa aínda para o grupo que para o rapaz ou rapaza con problemas.
Non esquezamos tampouco que, como expresión da diversidade, debemos ver con naturalidade que os nosos ritmos de madureza son distintos. Non pasa nada e non é un fracaso se algúns rapaces van máis lentos en algunhas habilidades. O exemplo das escolas unitarias, onde conviven con naturalidade rapaces de distintas idades a distintos ritmos, é un exemplo do que convén aprender. Por que terían que chegar todos aos 17 anos, xusto ao mesmo tempo, con idénticas características intelectuais ? Quizais debamos lembrar e non esquecer nunca que educar persoas non é, para nada, produción industrial.
Adjunto | Tamaño |
---|---|
guia_tdah.pdf | 2.12 MB |