Hora de ler

No corazón do bosque

O 14 de novembro realizamos o primeiro concurso de animación á lectura deste curso. Nesta ocasión o libro escolleido foi No corazón do bosque de Agustín  Fernández Paz.

Raquel ten nove anos e vive na cidade. Un día vai coa súa clase de excursión ao bosque das Fragas do Eume. De regreso na casa, descobre abraiada que se lle coou na mochila un ser vello e diminuto. É Derdrín, un trasno de máis de trescentos anos, que habitaba na fraga e non quería pasar o inverno só. Dille á nena que unicamente precisa conversación e algo de comida. Raquel acepta que se converta no seu hóspede secreto e ofrécelle para durmir a caravana das barbies.

A novela é a crónica dos meses que pasan xuntos, durante os cales Derdrín exercerá unha influencia moi grande na vida da nena, tanto no ámbito familiar como na escola. Unha historia tenra e cargada de humor, que reivindica a necesidade da fantasía e, tamén, a importante función que cumpren os antigos mitos en calquera sociedade.

O equipo gañador levou como premio o libro que traballaremos ao longo do próximo mes: A balada dos unicornios de Ledicia Costas.

Novos lectores na biblioteca

Un ano máis, no Día das bibliotecas escolares o alumnado colaborador da bilioteca fixo entrega dos carnés de biblioteca ao novo alumnado no centro para que teñan acceso a todos os servizos que se ofertan desde a biblioteca, sendo o máis solicitado o servizo de préstamo para levar fondos da biblioteca para as súas casas.

Xunto co carné, continuamos facendo entrega dunha carpeta na que lles vai un Pase de grandes lectores que deben cubrir das lecturas que fagan e que lle será validada co selo da biblioteca unha vez que devolva o libro. Cando a completan faiselle entrega dun pequeno agasallo en nome de Leo, a nosa mascota.

 

Día da biblioteca 2019

O 24 de outubro celebramos no noso cole o Día das bibliotecas escolares. Como en anos anteriores, aproveitamos esta data para presentar o PDI deste curso á comunidade educativa. Este curso académico o título escollido é "Incrible? Non!... está nas túas mans" co que pretendemos fomentar e favorecer a igualdade e a diversidade desde todo o traballo realizado desde a Biblioteca.

Cada grupo encargouse de presentar o que van a traballar nas súas aulas ao longo deste ano en relación á temática proposta. 

  • Alumnado de Ed. Infantil. Traballarán a coeducación e a igualdade de xénero a través do conto "Rosa caramelo" no cal a elefanta Margarita reivindica a igualdade de xénero para os nenos e nenas.
  • Alumnado de 1º de Ed. Primaria. Empregarán o conto de "Todo o mundo" para traballar a igualdade, xa que aínda que todos somos diferentes no noso interior podemos afirmar que todos somos iguais.
  • Alumnado de 2º de Ed. primaria. "Mercedes quere ser bombeira" é un conto para nenos e nenas que deben ler os adultos. Ensinaremos e aprenderemos a ser homes e a ser mulleres, a ser iguais e a ser diferentes á vez que transmitimos e configuramos as nosas filias e as nosas fobias. A igualdade entre os xéneros non é só unha postura ética e cívica, senón unha imperiosa necesidade nas nosas vidas e as nosas sociedades, é unha esixencia humana.
  • Alumnado de 3º e 4º de Ed. primaria. Presentaron a súa aportación ao PDI do centro que versará sobre as distintas profesións facendo fincapé nos estereotipos de xénero que a sociedade ten sobre as mesmas.
  • Alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria. Fixeron unha presentación da temática que traballarán "Cidadanía, igualdade e integración" por medio de linguaxe de signos.
  • Alumnado de Inglés. GOLDEN RULES. A participación da área de inglés no PDI do centro será a través das GOLDEN RULES. Eses comportamentos cotiás que fan que a nosa relación cos demais sexa o máis positiva e respectuosa cara aos outros. Saudar, desculparse, dar as grazas, compartir, …, Golden rules para o noso día a día. E o máis importante, … SMILE, PLEASE!

O alumnado de 4º de Ed. Primaria, tamén representou un teatriño de monicreques titulado " A cachiporra máxica" para recordarnos que a celebración do Samaín xa está "aí".

Para rematar, o alumnado de 5º de Ed. Primaria representou unha obra de teatro que eles mesmos elaboraron e titulada "A nosa biblioteca", co fin de iniciar a formación de usuarios do novo alumnado do noso centro aos que lles foi entregado o seu carné de biblioteca.

 

Biblioteca escolar: viveiro de cidadanía.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.

Blog de bibliotecas escolares

Encontro coa poetisa Teresa de la Fuente

O día 3 de outubro tivemos o privilexio de contar coa presenza no noso centro da poetisa mexicana Teresa de la Fuente grazas á colaboración do Círculo Poético Ourensán, representado, neste acto, por José Ramón Fdez Morgade e María Glez Méndez, e acompañados de Irma del Ángel que comparte cartel no X Encontro Internacional de Poesía que se celebrará en Ourense entre o 4 e 6 de outubro.

O alumnado do noso centro recibiuna na biblioteca e presentoulle os traballos realizados ao longo da semana nas súas clases: coplas sobre a súa vida e obra, recitaxe de varios dos seus poemas, ilustracións e cartaces dos poemas traballados na Hora de ler... Posteriormente, unha vez rematada a súa presentación, foi “sometida” a unha complicada batería de preguntas polo alumnado e profesorado que a poetisa accedeu a responder amablemente e con moita paciencia.

Para rematar o acto, Teresa de la Fuente, recitounos varios dos seus poemas recollidos no poemario “Entre metáforas e café” do que é coautora.

Despediuse de nós moi emocionada e agradecendo o recibimento outorgado.

Na seguinte galería de imaxes podedes observar os mellores momentos do encontro:

Mª Teresa de la Fuente

Teresa de la Fuente é orixinaria de Río Grande, estado de Zacatecas, aínda que vive en San Luis de Potosí. Desde hai anos desenvólvese como poeta e narradora. Durante a súa traxectoria foi galardoada no terreo da poesía, e é autora de poemarios inéditos como o titulado “Dualidad a esta hora neutra”.

Esta muller, esposa, nai demostra que cando se ten vocación para escribir non hai muros, límites, nin xustificacións, e que a entrega ao traballo literario é incondicional, cunha vocación a forza de constancia, disciplina e oficio. Caracterízase por ter unha precisión moi discreta e sensible na construción dos seus versos e que resultan moi intimistas, coma se asomaran ao mundo en forma de curiosidades e asombros que entran nos nosos radares psicolóxicos a modo de brisa e néboa que nos van humedecendo e, cando menos esperamos, xa nos empaparon de maneira moi refrescante o espírito e a conciencia.

Traballou para a Industria na área de Recursos Humanos por máis de dez anos, e no terreo da arte estudou dicción co recoñecido dramaturgo Carlos Olmos na Capital do país, e tomou cursos de literatura con doutóraa Gloria Prado Garduño a través da UASLP.

Ten participado en talleres literarios e, é promotora cultural independente da poesía en feiras do libro, maratóns de lectura, casas de cultura e na radio, e é coautora do libro “ Tríada” xunto cos poetas Irma do Anxo e Anxo Colado.
Vale citar que a poesía desta creadora é lixeira, sensitiva e sinxela; sosegada e profunda, e atende ao mundo dentro dunha sensibilidade que non admite especulacións.

A súa obra transcorre pola estética da súa creación, sabedora de que o tempo é fráxil e en calquera instante crébanos e é por iso que a esperanza e a espera, radican en facerlle homenaxes constantes a cada pouco, coa bela sublimación que nos permita un pouco de eternidade que, neste mundo tamén é moi improbable; pero aí están os marabillosos sentimentos para facer desta existencia un lugar máis benéfico. E que mellor que a poesía que nos esperta e esperta o mellor de nós?


Fontes:


 

Semana polo clima

HOW DARE YOU?

Hoxe, todos os nenos e nenas do noso cole, unímonos a Greta Thunberg facendo a mesma pregunta a todos e todas os que nos queiran escoitar.

Como se atreven a contaminar o noso fermoso planeta?

Como se atreven a non coidar os nosos mares, o aire que respiramos, os bosques cada vez con menos árbores?

Pois nós si que nos atrevemos a poñer o noso gran de area para darle a volta a todo, porque:  

“Queremos a nosa Terra
É o noso planeta
Queremos a nosa Terra
É o noso fogar”.

Coas nosas mellores ferramentas, os green crayons, e a nosa voz, berramos ben forte: GO GREEN GO!

Unímonos así ás accións promovidas pola organización Teachers for future, que ten como único obxectivo mellorar a saúde do noso planeta e de todos os seus habitantes.

WE LOVE THE EARTH

Na seguinte galería de imaxes podedes observar a nosa peculiar mobilización...

Semana polo Clima


Erik y Harald, guerreros vikingos

No mes de xuño, o alumnado de 5º curso de Ed. Primaria participou no derradeiro concurso, deste ano, de animación á lectura que realizan sobre os libros traballados durante a Hora de ler. Nesta ocasión, traballaron sobre o libro de Brigitte Évano titulado: “Erik e Harald, guerreros viquingos” que nos serviu para reforzar as aprendizaxes adquiridas sobre os viquingos no proxecto documental deste curso.

Erik e Harald son dous guerreiros viquingos, primos entre si, que saen nos seus barcos en direccións opostas para ver quen traerá o maior tesouro. A historia ten lugar ao redor do ano 1000. No camiño loitan con piratas, lobos e outras culturas, o que fai que o camiño dos tesouros sexa difícil.

É un libro moi divertido co que podemos descubrir aspectos da cultura e da vida desta temida xente: o seu comercio, os seus rituais funerarios, a súa comida que nos mostra que era unha xente ruda, pero civilizada e gran coñecedora do mar.

A historia está acompañada de xogos e datos sobre a súa cultura, que completan a visión dos viquingos.

O equipo gañador do concurso levouse como premio o libro de Ledicia Costas: "As peripecias de Extravaganza Pérez", que será co que comecemos no Club de lectura do próximo curso.

Kahoot sobre Antón Fraguas

Pasado o Día das Letras Galegas, realizamos un custionario en Kahoot para avaliar a aprendizaxe do noso alumnado en relación ao traballo de documentación realizado sobre o autor homenaxeado neste ano: Antón Fraguas.

Libros que van e veñen

O alumnado de Ed. Infantil, este curso continuou levando para as súas casas as bolsas do programa "Libros que van e veñen".

Estas permanecen no seu domicilio unha semana, facéndose a renovación dos libros os venres de cada semana. Cada unha delas inclúe un libro en galego ou castelán escollidos polo alumnado e un caderno para que, coa axuda dos seus familiares, debuxen e/ou escriban o que lles "digan" os libros.

É de agradecer ás familias dos máis caivos a súa imlicación nesta actividade destinada a que acompañen aos seus fillos no proceso lector e lles sirvan de modelo e guía nos momentos de lecer.

No seguinte documento podemos ver algúns exemplos dos seus traballos na casa.

Distribuir contido