O 2 de outubro contamos coa presenza, na biblioteca do noso centro, dos poetas mexicanos Carlos Ruvalcaba e Belén Aramis Ceja, chegados desde o estado de Miochacan para participar no "VI encontro internacional de poesía" que tan ben organiza o Círculo de poesía Ourensán.
Ao longo de toda a semana estivemos pescudando información sobre a vida e obra destes poetas e todo o alumnado do centro traballou na "Hora de ler" o conto de Carlos Ruvalcaba titulado "A mariposa bailarina" que nos describe a viaxe que todos os anos realiza a bolboreta monarca desde os bosques de Miochacan ata Canadá en busca de alimento e bo clima.
Para recibilos, o alumnado de 5º curso, representou, con monicreques, a obra titulada "Una hambrienta oruga" sobre o ciclo de vida das bolboretas.
Ao remate da obra, dúas alumnas déronlle a benvida aos poetas coa recitaxe dun poema creado por nós.
Posteriormente o alumnado de 5º e 6º curso participou nun obradoiro de poesía que maxistralmente dirixiron os poetas mexicanos coa recitaxe de fermosos poemas e contos orixinais deles mesmos, entre os que destacamos o poema mi “Mi angel” que Belén lle dedicou a súa nai e o conto do “León e a súa sombra” co que Carlos nos ensinou que non lle hai que ter medo ás cousas que non lle hai que ter medo.
Durante o encontro, o alumnado someteunos a unha gran batería de preguntas que eles responderon amablemente ao longo de máis dúas horas que se nos pasaron rapidísimamente.
Descubrimos moitas cousas deles:
Que a súa comida favorita son os tacos e que de Galicia gústalle moito o marisco, que raro!!. Belén é a primeira vez que ven a España e Carlos traballou fai anos de corresponsal de prensa en Madrid para un xornal mexicano, e desde aquela fíxose un siareiro do Atlético de Madrid.
Chamoulles moito a atención a limpeza das nosas rúas e a pouca contaminación que se observa nas cidades.
Respecto ao clima, están encantados co clima de Miochacan xa que non é tan estremo coma o noso. Alí tamén chove moito, o que fai que teñan un clima moi húmido.
Ámbolos dous son poetas porque, para eles, a poesía é unha forma de expresar os seus sentimentos e o que pasa na vida ao seu redor. Carlos díxonos que el sinte necesidade de escribir poesía. Os dous nos confesaron que levan sempre un caderno para anotar todas aqueles sucesos que lles ocorren ao longo do día e lle producen inspiración. Se non o anotan, din que o esquecen.
O libro favorito de Belén é “Lámpara de sueño” de Leticia Cortés, e Carlos díxonos que lle gusta moito a poesía do escritor portugués Fernando Pessoa.
Para rematar Carlos deixounos uns contos seus para que os traballásemos no cole: “La ranita muda” e un inconcluso que nos dedicou e que nós mesmos teremos que rematar.
Antes de despedirse, fixéronnos dedicacións personalizadas, a todos e todas os/as presentes, en marcapáxinas dos "VI encontros de poetas"
Desde estas páxinas, dámoslle as grazas aos dous poetas polo seu tempo, e ao Círculo poético ourensán, xa que sen a súa colaboración estes encontros non serían posibles.