Esta semana, os nosos pequenos e pequenas artistas de 3 e 5 anos estiveron moi ocupados nunha actividade ben especial… ¡Traballando co millo! Os nenos e nenas comezaron por descubrir que este gran amigo amarelo non só serve para comer, senón que tamén pode ser un gran aliado para o traballo en clase e para realizar as súas manualidades.
Con moita ilusión, e unhas maniñas incansables, debullaron as espigas coidadosamente (parecían auténticos profesionais!). Logo, aproveitando o millo recollido, puxéronse creativos e fixeron unhas fermosas manualidades inspiradas no outono: follas, cabazas e ata pequenos ourizos castañeiros tomaron forma coas cores douradas do millo.
Ademais de divertirse, aprenderon sobre o proceso natural do millo e desenvolveron a súa destreza manual. Foi un traballo conxunto cheo de risas e creatividade.
Agora, a cortiza de clase parece un auténtico museo do outono, grazas ao inxenio dos máis pequenos e pequenas.