O Clube de lectura de 5º de curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, elixiu como terceiro libro “Formigas. Misión Rosalía” de Pere Tobaruela da editorial Xerais.
O libro foi traballado nos meses febreiro e marzo do curso escolar 2021/2022 e conta a historia da FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL que son os catro integrantes dos FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados.
En «Misión Rosalía» os FORMIG4S son alertados de que a obra da célebre poeta se está a esvaecer. Para investigar este estraño suceso han viaxar no tempo ata o século XIX por Compostela e a súa contorna. Alí vivirán unha trepidante aventura para salvagardar o legado e a propia vida de Rosalía de Castro.
Despois da lectura do libro, o alumnado traballou a súa comprensión a través de diversos mapas nos que intentamos representar a historia e os diversos lugares polos que tiveron que atravesar as formigas.