Proxecto Miniempresas Lugo 2017-2018
O proxecto Miniempresas Lugo pretende fomentar a educación emprendedora a través da creación de miniempresas e outras propostas didácticas que impliquen a colaboración dos equipos docentes, a dinamización da comunidade educativa e a conexión co entorno, todo isto potenciando as capacidades profesionais e persoais do alumnado. Esta acción desenvólvese dentro do plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende e establécese dentro do ámbito de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa.
As institucións implicadas neste proxecto
- Coordinación e desenvolvemento do proxecto
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coordina e organiza as actividades dirixidas tanto ao profesorado como ao alumnado, facilitando a disposición dos espazos en colaboración cos centros educativos participantes.
- Difusión
"El Progreso" divulgará todas as actuacións e resultados do proxecto.
- Financiamento
79.231,29 euros aportados pola Fundación Alcoa.
Actuacións programadas
Para cumprir os obxectivos previstos realízase a seguinte proposta de actuacións nos centros educativos da provincia de Lugo:
- Accións de sensibilización da comunidade educativa sobre a importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. Accións dirixidas tanto ao alumnado como ao profesorado para alcanzar a sensibilidade necesaria que permita a creación de iniciativas emprendedoras.
- Promocionar a creación de miniempresas entre os estudantes para o desenvolvemento dun produto/servizo, unha estratexia de márketing e venda do produto.
- Actividades de capacitación en habilidades emprendedoras.
- Preparación do alumnado nas competencias e nas actitudes autónomas necesarias que favorezan o emprendemento co fin de capacitar ao alumnado para emprender.
- Accións de formación do profesorado para a sensibilización do alumnado en creación de empresas.
- Formación específica do profesorado para o desenvolvemento e a elaboración de proxectos empresariais, favorecendo a adquisición de competencias emprendedoras no alumnado.
- Actuacións de intercambio de aprendizaxes, experiencias e coñecemento das necesidades da súa contorna socioeconómica, entre o alumnado e empresarios e mozos emprendedores para un maior achegamento entre o mundo educativo e laboral.
- Concurso "Miniempresas Lugo".
- Realización dunha publicación para a sensibilización e a difusión da cultura emprendedora.
Convocatoria Lanzadeiras Lugo
O programa Lanzadeiras Lugo ten a finalidade de promover a innovación e o emprendemento en todas as etapas do sistema educativo co obxectivo de potenciar as competencias profesionais, sociais e persoais do alumnado a través da creación de miniempresas nos centros educativos.
Enquisas
Clausura
O pasado 7 de xuño celebrouse en Xove o acto de clausura do Proxecto Miniempresas Lugo. Neste acto tivo lugar unha feira onde todos os centros participantes no proxecto promocionaron o resultado do seu traballo. O alumnado explicou aos visitantes os obxectivos dos seus proxectos e como viviron a súa experiencia emprendedora.
Neste acto entregáronse os premios do concurso Minimepresas Lugo. Os premiados foron:
- 1º premio: Madalú Longboard, do CIFP Politécnico de Lugo
- 2º premio: Ledómetro, do IES Lois Peña Novo (Vilalba)
- 3º premio: Visage, do IES María Sarmiento (Viveiro)
- Accésit: Electrocetín, do CIFP Politécnico de Lugo
- Accésit: Ensino Avós, do IES Lois Peña Novo (Vilalba)