Acreditacións Erasmus KA120. Período 2021-2027
O obxectivo principal das Acreditacións Erasmus (KA120) é reforzar a dimensión europea do ensino e da aprendizaxe, mellorar a calidade do ensino e a aprendizaxe, fomentar os valores comúns europeos, promovendo o coñecemento sobre o patrimonio europeo compartido e a riqueza da diversidade, e contribuír á creación do Espazo Europeo de Educación.
Mediante a concesión desta Acreditación Erasmus confírmase que a organización seleccionada estableceu un Plan Erasmus para levar a cabo actividades de mobilidade de alta calidade no marco dunha iniciativa máis ampla de desenvolvemento da súa organización. Neste contexto, un dos principais beneficios para as organizacións que obteñan a Acreditación Erasmus é que obterán acceso simplificado ás oportunidades de financiamento da Acción Clave 1 no seu ámbito durante o período de validez da acreditación (2021-2027).
A publicación das Acreditacións Erasmus marca un elemento clave no comezo do novo programa Erasmus+ da Unión Europea para o período 2021-2027, que cun orzamento previsto de máis de 26.000 millóns de euros persegue chegar a máis de 10 millóns de persoas nos próximos 7 años a través dun programa máis inclusivo, con máis oportunidades, máis dixital e máis sostible medioambientalmente.
O prazo de solicitude da Acreditación Erasmus (KA120) está aberto neste exercicio 2021 ata o 19 de outubro, pero irá contando con novas fiestras de apertura nos exercicios sucesivos do período de programación 2021-2027. Non obstante, aquelas organizacións que non se acrediten poderán seguir acolléndose a mobilidades a través das accións tipo KA122.