Convocatoria programa EduTecEmprende 2020
O programa EduTecEmprende consiste na visita a empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade, nas que o alumnado terá a oportunidade de entrar en contacto co funcionamento dos mesmos así como con novas técnicas de produción e tecnoloxías intelixentes no seo das industrias 4.0. Tamén poderán coñecer de primeira man a experiencia profesional dos traballadores e traballadoras destes ámbitos.
EduTecEmprende desenvólvese en dúas modalidades:
- Modalidade A: Visitas a empresas.
- Modalidade B: Visitas a centros tecnolóxicos.
Este programa, que se enmarca no Plan de Emprendemento Eduemprende, ten por obxecto motivar e sensibilizar o alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega ás áreas STEM.
Esta convocatoria vai dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos de centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
As distintas actividades desta convocatoria comezarán no mes de marzo.
Os centros educativos participantes recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa segundo o indicado na convocatoria.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 18/02/2020.