Convocatoria do programa eduEmprende Actúa 2021-2022

Esta acción establécese dentro dun ámbito de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), en resposta á importancia da cultura emprendedora no desenvolvemento persoal e profesional da xente nova para a mellora da competitividade e da empregabilidade, así como para a sensibilización da comunidade educativa cara a favorecer a introdución do espírito emprendedor no noso sistema educativo.

O obxectivo deste programa é achegar a realidade emprendedora ao alumnado dos centros educativos coa presenza activa de persoal técnico do IGAPE e dunha persoa emprendedora que dea a coñecer ao alumnado a súa experiencia persoal, como ferramenta que lle permita afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo e o sentido crítico. Tamén se pretende poñer en valor o traballo desenvolvido polo profesorado e o alumnado na aula.

Esta convocatoria vai dirixida a alumnado de centros sostidos con fondos públicos de Galicia, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de segundo curso de ciclos formativos de grao medio e superior das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño e alumnos de Bacharelato que estean a cursar a materia de Economía.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Portal Educativo, é dicir, desde o 11 ata o 25 de novembro de 2021.

A solicitude debe remitirse asinada polo/a director/a do centro educativo. Os anexos deben enviarse en formato pdf, cubertos dixitalmente, e non como documento escaneado.

Etiquetas: